Para esta nova entrega de "A cociña gourmet en conserva", Conservas Pescamar propónnos unha receita que incorpora un dos produtos máis apreciados da súa gama gourmet: a ventrecha de bonito do norte.
A parte do bonito do norte máis exquisita e valorada pola alta cociña é a ventrecha. Recibe o seu nome por atoparse na zona do ventre do bonito, onde se concentran proteínas de alto valor biolóxico e ácidos graxos saudables.
O dediño, pau de queixo, rolo de queixo ou tequeño é unha preparación culinaria orixinaria de Oriente Medio que consiste nunha masa de fariña de trigo frita rechea de queixo, á que se lle poden incorporar outros ingredientes. Esta receita estendeuse por todo o mundo, sendo unha das preparacións máis emblemáticas de Venezuela, desde onde se popularizou o nome de tequeño. Desta denominación descoñécese a súa procedencia aínda que se adoita relacionar co feito de ser unha preparación con orixe na cidade de Los Teques.
Para preparar uns deliciosos'Tequeños' con ventrecha de bonito do norte Pescamar usaremos os seguintes ingredientes (para 10 unidades):
- 1 lata de ventrecha de bonito do norte gourmet Pescamar
- 125 g de fariña de trigo
- 40 g de manteiga
- 1 ovo
- Sal
- 50 ml de auga morna
- 150 g de queixo San Simón da Costa
- Aceite de oliva para fritir
Elaboración:
Para preparar a masa, introducimos nun bol a fariña e a manteiga cortada en anacos. Mesturamos coa man ata que se fusionen os dous ingredientes e se alcance unha textura grumosa. Incorporamos o ovo, a auga e o sal. Mesturamos ben no bol cunha culler e terminamos de amasar sobre unha mesa.
Unha vez que temos a masa homoxénea, dámoslle forma de bóla e deixamos repousar tapada no bol durante 20 minutos.
Cortamos o queixo en paus duns 7 x 2 cm, escorremos a lata de ventrecha de bonito do norte gourmet Pescamar e separamos o contido en filetes.
Estiramos a masa con axuda dun rolete ata que estea ben fina e cortámola en tiras de 2 cm de ancho.
Pincelamos cada tira con auga e envolvemos cada pau de queixo máis unha porción de ventrecha de bonito do norte gourmet Pescamar coa masa, sobrepoñéndoa lixeiramente para que non haxa ocos por onde poida saír o queixo durante a fritura. Facemos rodar os tequeños entre as mans para que a masa quede ben adherida e selamos nos extremos.
Quentamos abundante aceite de oliva nunha tixola fonda e fritimos os tequeños ata que se douren, removendo para que queden homoxéneos. Unha vez dourados, deixámolos escorrer sobre papel absorbente de cociña e servimos quentes.
En quince días, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.