Tenso debate na Deputación sobre a sentenza dos bolseiros con críticas de Carmela Silva ao uso da TVG "para maior gloria do PP"

Pontevedra
25 de febreiro 2022

O goberno provincial (PSOE-BNG) e o Partido Popular cruzaron acusacións durante o debate plenario pola sentenza do Tribunal Supremo que condena á Deputación Provincial por empregar bolseiros como traballadores. Ao inicio da sesión gardouse un minuto de silencio e a presidenta Carmela Silva leu un manifesto de condolencia coas familias afectadas polo naufraxio do Villa de Pitanxo

Carmela Silva, presidenta da Deputación, durante a sesión plenaria
Carmela Silva, presidenta da Deputación, durante a sesión plenaria / Deputación de Pontevedra

O pleno ordinario de febreiro saldouse con numerosos enfrontamentos dialécticos entre os partidos do goberno provincial (PSOE-BNG) e o partido da oposición (PP). O momento máis tenso produciuse durante o debate da moción presentada polo Partido Popular sobre a sentenza do Tribunal Supremo que condena á  Deputación de Pontevedra pola utilización de bolseiros como traballadores.

Antes do debate sobre ese punto, a presidenta Carmela Silva fixo referencia á presenza "obrigada" dun cámara da Televisión de Galicia para gravar ese único punto da sesión. "Hoxe acompáñanos a TVG, que se financia con recursos públicos de todos os galegos", manifestou a máxima mandataria da institución; que mostrou a súa admiración e apoio aos traballadores lembrando a campaña 'Defende a Galega' que levan a cabo todos os venres vestindo roupa negra. Silva acusou o presidente da Xunta de Galicia de mandar a este equipo para gravar a moción presentada pola oposición utilizando o medio público "para maior gloria do PP". Lembrou que a TVG nunca acode á Deputación a roldas de prensa nin a plenos nin a gravar manifestos de apoio ás mulleres e reclamou un "medio público libre, sen manipulación". Concluía afirmando que se non se emitía todo o que se dicía durante o debate "tomaremos as medidas que sexan oportunas".

Desta forma, o PP solicitou a comparecencia da presidenta e do deputado delegado da área de persoal para que ofrecesen explicacións sobre a sentenza. Pero, tras a votación, só aprobouse a intervención do deputado socialista Carlos López Font. 

O portavoz socialista remitiuse ao Plan de Práctica Laboral alegando que era un proxecto ideado, creado e posto en marcha por Rafael Louzán cando era presidente. Nos seguintes anos, xa co goberno bipartito, indicou que fora modificado aplicando un plan novo "baseado en contratos de formación e seguridade xurídica", que fora rexeitado polo PP, a quen López Font acusou de "falta de coherencia".

Pola súa banda, César Mosquera, vicepresidente provincial e portavoz do BNG, alegou que o PP elaborara un plan do que presumiu mentres gobernaba e, tras unha sentenza en contra, os populares culpan ao actual goberno. Relacionou esta actuación con guerras internas dentro das filas populares.

Pepa Pardo, portavoz popular, rexeitou estes argumentos explicando que o Plan nacera ben pero que o goberno bipartito o perverteu entre 2016 e 2018 con propostas como os "mestres composteiros".  "No sé cómo no se les cae la cara de vergüenza. Asuman la verdadera responsabilidad", apuntou a representante da oposición, que se dirixiu á presidenta preguntándolle"¿no tiene usted ninguna responsabilidad que asumir? ¿No va a hacer alguna autocrítica?". A moción foi rexeitada por 16 votos en contra do grupo de goberno fronte os 11 a favor das filas populares.

CERDEDO-COTOBADE NO PLAN CONCELLOS

Outro punto de forte enfrontamento chegaba con outra moción dos populares nas que o portavoz Jorge Cubela, tamén alcalde de Cerdedo-Cotobade, reclamaba para o seu municipio as mesmas cantidades do Plan  Concellos que recibira nos últimos anos como Concello fusionado, con cantidades polos dous concellos por separado.

Cubela acusou o goberno da  Deputación afirmando que "nos trincan" 500.000 euros entre os anos 2022 e 2023, unha cifra que considera básica para o plan de emprego, investimentos, mellora de servizos e actividades. Apuntou que a normativa permite que, polo menos, durante o primeiros cinco anos desde a fusión debería respectarse a cantidade fixa nos plans de financiamento que lle corresponderían aos municipios por separado e que así debería seguir sendo no futuro porque en ningún lugar figura que non poida manterse.

Nas respostas, tanto Carlos López Font como César Mosquera defenderon o Plan Concellos como unha fórmula en que se trata a todos os municipios "exactamente igual" e que só se recollen as excepcións que establece a lei alegando a ese límite de cinco anos. Tanto López Font como Mosquera acusaron a Jorge Cubela de dirixir un  Concello "dopado" e "sobrefinanciado", lembrando que se se aplicase ese diñeiro a Cerdedo-Cotobade tería que retirarse das partidas destinadas a outros municipios dentro do Plan Concellos.

O pleno tamén aprobou por unanimidade un expediente de modificación de créditos para incorporar ao orzamento 26 millóns de euros de remanentes, aos que se suman os 25 millóns do crédito solicitado para o Plan ReacPon. Con estas cantidades, a  Deputación contará con 226,8 millóns, ademais das partidas que cheguen a través de fondos europeos. Carlos López Font indicou que este diñeiro destinarase a impulsar infraestruturas provinciais e a aumentar o apoio aos  Concellos.

Tamén se aprobou por unanimidade a adhesión da Deputación á Spain Film Commission para promover o traballo en rede entre institucións políticas, axentes relacionados co sector turístico, co audiovisual e o cultural.

A sesión deste venres iniciouse cunha declaración institucional de dor polo naufraxio do pesqueiro Villa de Pitanxo, á que deu lectura Carmela Silva, para a continuación gardar un minuto de silencio. A presidenta tamén manifestou a súa solidariedade con Ucraína e, a continuación, a politóloga Priscila Retamozo interviña coa lectura dunha declaración institucional con motivo do Día Internacional da Muller, que se celebra o 8 de marzo.