Tensión no pleno do Concello de Poio pola protesta da Policía Local

Poio
29 de xaneiro 2025
Actualizado: 17:43

Portaron pancartas con denuncias como: "Policía sen uniformidade", "Alcalde, dialogue", "7 policías teñen que facer o traballo de 20" ou "Non me fan o recoñecemento médico, 'véndese' a nosa saúde"

Protesta da Policía Local no pleno do Concello de Poio
Protesta da Policía Local no pleno do Concello de Poio / Concello de Poio

Na noite deste martes 28 de xaneiro, axentes da Policía Local de Poio acudiron ao pleno municipal  con pancartas reivindicativas para reclamar diálogo co alcalde, Ángel Moldes, sobre o que describen como unha situación laboral discriminatoria e precaria.

Con todo, por segundo pleno consecutivo, foi denegada a posibilidade de intervir publicamente, malia o apoio da oposición para que puidesen expor as súas demandas.

Entre as mensaxes das pancartas portadas polos axentes podían lerse frases como: "Policía sen uniformidade", "Alcalde, dialogue", "7 policías teñen que facer o traballo de 20" ou "Non me fan o recoñecemento médico, 'véndese' a nosa saúde".

Os funcionarios aseguran que están a ser obxecto de represalias polas súas reivindicacións, como cambios de cuadrante que incumpren o convenio, e denuncian a falta de recursos e condicións laborais dignas.

A negativa do alcalde a permitirlles falar xerou un intercambio de palabras no que os axentes insistiron en ser escoitados, mentres Moldes se mantivo firme na súa decisión de non darlles a palabra, sinalando que o escrito presentado pola Policía Local era o mesmo que no pleno anterior e que xa se emitira un informe ao respecto.

Un dos puntos clave do conflito radica na denuncia que a Policía Local presentou ante a Inspección de Traballo tras non ter sido convocados ao recoñecemento médico anual obrigatorio en 2024, a diferenza do resto do persoal municipal.

Segundo os sindicatos CSIF e CCOO, esta omisión supón unha vulneración dos dereitos fundamentais dos traballadores e da normativa de protección laboral.

A pesar de que o corpo policial notificou formalmente esta irregularidade á Alcaldía e ao delegado de persoal en outubro, non obtiveron resposta nin se corrixiu a situación.

A plantilla da Policía Local denuncia que está composta por só sete axentes operativos, que deben cubrir as funcións que corresponderían a unha dotación de vinte efectivos.

Esta carencia de persoal, unida á falta de uniformidade adecuada e outros recursos, xera graves problemas para garantir a seguridade da cidadanía, especialmente durante eventos multitudinarios, segundo indican os representantes dos axentes.

Os funcionarios policiais lamentan o que describen como un trato degradante por parte do goberno local e a falta de interese pola seguridade das veciñas e veciños de Poio.

O CONCELLO PROPÓN UN NOVO CUADRANTE

O Concello de Poio propón un novo cuadrante para a Policía Local. O concelleiro de Deportes, Persoal e Patrimonio, Cándido Muíños, explica que o actual cuadrante sete días de traballo e sete de descanso "non está funcionando".

Segundo manifesta o edil, "é incomprensible que poidan coincidir cinco policías en horario de mañá, como a semana pasada, mentres manteñen pechado o servizo de tarde".

Por iso, xa trasladou ao inspector xefe accidental da Policía Local, que é quen establece os turnos de cada axente, a nova proposta, que pasaría por organizar quendas 3/2 ou 5/4 para "contar cunha mellor planificación".

Muíños explica que actualmente hai sete policías traballando (á espera de que se incorporen os tres axentes que actualmente están de baixa) e deles, só cinco fan turnos rotatorios, xa que o inspector xefe accidental e outro axente só traballan en horario de mañá.

Co novo cuadrante e incorporando a ese policía ás parellas, de xeito que haxa seis axentes facendo turnos rotatorios, desde o Concello de Poio queren mellorar a atención á cidadanía e asegurar a atención de mañá e de tarde durante todo o mes.

Ademais, aseguran dende o goberno local que o plantel tamén se reforzará nos próximos meses, cando se cubran as dúas prazas dispoñibles (tras marchar un axente en comisión de servizos e outro por mobilidade), que xa están notificadas na Academia Galega de Seguridade Pública e que se incluirán na seguinte convocatoria de emprego.

"Estamos traballando para intentar suplir esas ausencias temporais. A primeira medida foi convocar directamente esas dúas prazas dispoñibles, pero non se presentou ningún candidato, polo que só queda esperar á convocatoria da Academia Galega, e o seguinte é reorganizar os cuadrantes para que o servizo sexa máis efectivo", sinala Cándido Muíños.

Engade que "con axentes que traballan catorce días ao mes, que fan turnos sete/sete e que, incluso nalgún caso, só o fan en horario de mañá, é complicado garantir a prestación do servizo. Dicir que non hai axentes para cubrir as mañás e tardes non é correcto, porque poderían estar tres de mañá, dous de tarde e o resto de descanso".

Muíños di que "non imos permitir ningún tipo de chantaxe que prexudique os intereses de toda a veciñanza", e cuestiona que "incluso a Policía Local presentase informes reclamando horas por non tomar café ou polos dez minutos de cambio, cando calquera veciño sabe onde e durante canto tempo fan as súas paradas diarias".

Por último, con respecto ás horas extras, aclara que "as que están pendentes son as que fixeron sen estar autorizadas polas concellerías de Persoal ou de Seguridade Cidadá, as horas que realizaron por decisión propia de cada axente e que, polo tanto, é normal que se revisen".

De feito, desvelou que en 2023, os 9 axentes e os 8 auxiliares de policía recibiron preto de 61.000 euros en gratificacións e horas extras, o que significa preto do 40% da partida dispoñible, mentres que o resto da plantilla municipal, sobre 110 persoas aproximadamente, recibiron a cantidade restante.