O temporal provoca numerosos danos ao seu paso polas Rías Baixas

Pontevedra
09 de outubro 2024
Actualizado: 10 de outubro

O temporal 'Kirk' provocou caídas de árbores, cortes de tráfico e numerosos derrubamentos debido ao forte vento rexistrado durante a madrugada deste mércores 9 de outubro

Árbore derrubada polo vento en Pontevedra durante o temporal Kirk
Árbore derrubada polo vento en Pontevedra durante o temporal Kirk / PontevedraViva

A borrasca 'Kirk' está a deixar un rastro de incidencias en varios concellos das Rías Baixas este mércores 9 de outubro.

As fortes chuvias e os refachos de vento están a provocar numerosos problemas con danos en Pontevedra, Marín, Ponte Caldelas ou Sanxenxo.

En Pontevedra, a xornada comezou con temperaturas de 20 graos e condicións meteorolóxicas adversas. O tráfico viuse seriamente afectado, con cortes en varias vías:

  • A avenida de Bos Aires pechouse entre Monte Porre e a ponte dos Tirantes.
  • Na PO-11, entre Pontevedra e Marín, cortouse o carril pegado ao mar debido á acumulación de auga na calzada.
  • Un tilo caeu na avenida de Marín, á altura do edificio do ORAL.
  • A subida ao estacionamento do Pazo da Cultura por Rafael Areses pechouse temporalmente pola caída dunha árbore.
  • Na rúa Portugal, unha árbore caída polo vento causou danos a vehículos.
  • O portal do Colexio Plurilingüe Sagrado Corazón de Pontevedra derrubouse pola mañá sen causar danos a persoas.

En Marín, a Policía Local e as Brigadas Municipais están a atender múltiples incidencias:

  • Caídas de árbores e ramas no casco urbano e zonas rurais, obstaculizando o tráfico.
  • Desprazamento de colectores.
  • Cortes puntuais de electricidade.
  • Valados de obra e carteis derrubados polo vento.
  • Danos nas cubertas dos pavillóns da Raña, O Sequelo e do Mercado de Abastos. 
  • Pechouse o Mercado de Abastos para a retirada da chapa levantada da cuberta e poder tapar o espazo para que a chuvia non afecte ao interior dorecinto. Os traballos afectarán temporalmente ao tráfico na zona.
  •  Suspenderase durante esta tarde as actividades nas instalacións deportivas municipais.

En Poio, Policía Local, Protección Civil e Servizos municipais traballan para atender as chamadas e demanda precaución á cidadanía pola vía pública debido a caída de obxectos. 

Solicita especial precaución nas vilas secundarias para evitar accidentes. Entre as incidencias destacan:

  • Árbores cortando estradas, na PO-303 en Samieira; Camiño Pateira; Fragamoreira; Bouza; VG4.8  e PO 535, subida á Escusa, e na estrada Vilariño Campaño
  • Caída de muros en Río Mouro
  • Caída de postes de madeira telefónica nas rúas Illa de Ons; Illa de Tambo; Avda. da Cruz; e Avda. da Praia en Lourido.
  • Caída de uralitas na Avda. de Andurique
  • Caída de parasoles de bares en Combarro no centro histórico, e no Bar Samieira.
  • Incidencias en xanelas e persianas en edificios Rio Umia.
  • Danos no chiringuito da praia de Lourido.
  • Caida de tellas do edificio a beirarrúa na Avda. da Barca.

Ponte Caldelas tamén se viu afectada:

  • Cortouse o acceso a Chan da Barcia ante o risco de inundación na zona do campo de fútbol.
  • Polo menos tres árbores derrubáronse na estrada Pontevedra-Ponte Caldelas (PO-532).
  • Rexístranse retencións importantes nesa estrada en sentido Ponte Caldelas, chegando máis alá da Hermida.
  • A Dirección Xeral de Tráfico despregou axentes e cortou un dos carrís en dirección ao municipio.

En Sanxenxo, o Concello adoptou medidas preventivas:

  • Pecharon os pavillóns deportivos, campos de fútbol municipais e parques durante toda a xornada.
  • Suspendéronse os exames de conducir.

As autoridades instan á poboación a incrementar as precaucións, especialmente nas estradas e no mar.

Recoméndase estar atentos ás actualizacións e seguir as indicacións dos servizos de emerxencia, malia que se agarda que o temporal pase a medida que se achega a tarde.