Ante a previsión meteorolóxica adversa prevista para as vindeiras horas, a Xunta de Galicia activou a alerta laranxa por temporal costeiro para este venres 24 de xaneiro en toda a costa da provincia de Pontevedra.
Agárdanse ondas no mar de ata seis metros de altura e ventos do sur e suroeste de forza 8.
O fenómeno meteorolóxico adverso, segundo informa a Aemet, comezará ao mediodía na zona noroeste e oeste da Coruña, e estenderase pola tarde ao resto do litoral coruñés e á costa pontevedresa.
A situación caracterizarase por unha mar combinada do oeste e noroeste.
Ante esta previsión, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior xa puxo en coñecemento a situación aos concellos costeiros, deputacións, servizos de Protección Civil e clubs náuticos da zona.
Como medida preventiva, suspéndese toda a actividade deportiva federada no mar nos concellos afectados polo temporal.
As autoridades fan un chamamento especial á poboación para que extremen as precaucións e recomenda:manterse afastado da liña de costa, diques e paseos marítimos e revisar os cabos e amarres das embarcacións.
Tamén aconsella a retirada de obxectos que poidan caer desde tellados e balcóns e que os peóns eviten o tránsito preto de edificios en obras ou árbores
Para máis información sobre a evolución do temporal, a cidadanía pode consultar a web do CIAE 112 (www.axega112.gal), onde atoparán datos meteorolóxicos actualizados e consellos de seguridade.