O inicio de semana trae un tempo moi similar ao do sábado e o domingo segundo a previsión de MeteoGalicia. O luns estará baixo a influencia anticiclónica durante toda a xornada, ademais da cal hai unha presenza de aire cálido que procede de latitudes inferiores. Esta situación deixou nas primeiras horas da mañá bancos de néboas que se despexaron para dar paso aos ceos pouco anubrados. As temperaturas manteranse sen moitos cambios alcanzado os 24 graos de máximas, aínda que as mínimas descenderán lixeiramente ata os 9 graos. Os ventos estarán a soprar frouxo en xeral e de dirección variable.
O martes presentará un situación meteorolóxica moi semellante á xornada anterior co anticiclón en superficie e continuando a chegada de aire cálido. Deste xeito os ceos presentaranse pouco anubrado ou con nubes altas. As temperaturas experimentarán un lixeiro ascenso ata os 26 graos de máxima e 12 graos de mínima. Os ventos seguirán soprando frouxos e de compoñente sur.
Durante o mércores empezarase a experimentar un lixeiro cambio meteorolóxico. O aire cálido que estivera a soprar nas xornadas anteriores irá retirándose de Galicia, a medida que unha fronte pouco activa se achegará polo litoral atlántico durante a noite. Con esta situación agárdanse ceos que alternarán nubes e claros, con máis nubes no litoral de das Rías Baixas, que pola noite deixarán algunhas chuvias débiles. A temperatura mínimas seguirán nos 12 graos mentres que as máximas descenderán lixeiramente ata os 21 graos. Os ventos soprarán frouxos dende sueste con intervalos moderados.
A influencia anticiclónica perderase transitoriamente durante o xoves debido a que Galicia quedará baixo o raio de acción dunha borrasca que se desprazará polo norte, deixando un réxime de ventos do nordés que soprarán moderados. Así, os ceos estarán cubertos pola mañá con chuvias de carácter débil nas Rías Baixas. Pola tarde os ceos quedarán parcialmente cubertos. As temperaturas descenderán durante esta xornada deixando unhas máximas de 19 graos.