"Temos avanzado máis coa compostaxe neste mandato que coa reforma urbana no primeiro"

Pontevedra
05 de setembro 2018

Setembro marca o inicio dun curso político que, segundo o alcalde de Pontevedra, será "transcendental" para a cidade. A recta final do mandato chega cun ritmo investidor "nunca visto", destacou Miguel Anxo Fernández Lores, pero tamén con proxectos que "non van á velocidade que nos gustaría" como a implantación do sistema de compostaxe

Lores, no almorzo informativo de inicio de curso político
Lores, no almorzo informativo de inicio de curso político / Paula Sanmartín

Setembro marca o inicio dun curso político que, segundo o alcalde de Pontevedra, será "transcendental" para a cidade. A recta final do mandato chega cun ritmo investidor "nunca visto", destacou Miguel Anxo Fernández Lores, pero tamén con proxectos que "non van á velocidade que nos gustaría" como a implantación do sistema de compostaxe.

Todo iso foi analizado polo rexedor nun almorzo informativo no que Fernández Lores asegurou que Pontevedra vive actualmente un momento "tan bonito e ilusionante" que "non me canso" de ser alcalde. " Estou pensando a cinco anos vista e, a partir de aí, pode pasar calquera cousa", sinalou.

A cidade entra neste último ano de mandato cunha cifra "record" de obras en marcha. "Nunca houbo tantas xuntas nun mesmo período", destacou o alcalde, sumadas todas as que impulsan as diferentes administracións. Entre elas, citou a A-57, a Rolda Leste, a variante de Alba, a estación intermodal, a ampliación de Montecelo, as reformas das pontes da Barca e o Burgo ou os novos xulgados.

Ademais, a reforma urbana avanza no Gorgullón, Virxe do Camiño, Benito Corbal, Rosalía de Castro, Cruz Vermella ou A Seca e, en materia deportiva, comezou a reforma do Multiusos da Xunqueira, ultímase a renovación das piscinas de Campolongo ou se están construíndo varios campos de fútbol. A eles sumarase o novo pavillón da Parda.

Pontevedra será, segundo Lores, a "primeira cidade" de Galicia con saneamento integral en todo o municipio. Farao cos "máis de 50 millóns" que o contrato da auga destinará á rede de sumidoiros e o abastecemento de auga no rural. Será un "paso máis" no traslado dos estándares de calidade urbana ás parroquias "con ducias de obras feitas ou en trámite".

A todo iso, no seu balance sumou a "intensísima" actividade cultural, festiva ou deportiva, a ocupación hostaleira "record" que se rexistra na cidade, a construción de novos centros sociais en todo o municipio ou a proxección internacional que ten Pontevedra, "con máis convites que nunca" para expoñer a transformación que experimentou a Boa Vila.

AUTOCRÍTICA COA COMPOSTAXE

Iso si, coa compostaxe o balance non foi tan satisfactorio. O alcalde explicou que o goberno municipal empezou "con moita ilusión" a deseñar e implantar o sistema de tratamento dos biorresiduos pero recoñeceu que foron "excesivamente optimistas" acerca dos prazos que se barallaban para a súa posta en marcha.

Aínda que insistiu que os veciños están "desexosos de participar", Fernández Lores non puido detallar cando se colocarán os novos contedores na cidade ou os plans para a planta de compostaxe da Canicouva. "Gustaríanos ir máis rápidos", admitiu, pero entende que ser "pioneiros" neste sistema fai que "teñamos que cambiar cousas".

A pesar diso, subliñou que "temos avanzado máis coa compostaxe neste mandato que coa reforma urbana no primeiro" e que ese traballo fai que Pontevedra sexa, a día de hoxe, a única cidade "en condicións de cumprir" coa normativa europea de residuos que entrará en vigor no ano 2020.