Profesionais da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés veñen de iniciar unha campaña para fomentar a vacinación contra a gripe entre o persoal sanitario e non sanitario dos hospitais e centros de saúde.
A través de vídeos publicados na intranet da área sanitaria, os voluntarios que emprenderon esta iniciativa lanzan mensaxes ao resto de persoal para acadar así unha maior concienciación ao respecto da importancia da vacinación entre os profesionais e lograr un incremento da porcentaxe de vacinados.
Mensaxes como "temos a responsabilidade de protexer aos nosos pacientes vacinándonos, para non transmitirlles a enfermidade", "É una cuestión tanto de profesionalidade como de ética" ou "A vacina é segura. A vacina é efectiva", son as que os profesionais están potenciando.
Na mesma liña, o vindeiro mércores, día 13 de decembro, se fixarán dous puntos de vacinación para profesionais nos hospitais Montecelo e Provincial, unha iniciativa impulsada polo servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.
DATOS DE VACINACIÓN
Máis de 48.000 persoas xa se vacinaron contra a gripe na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Esta é a cifra acumulada na área sanitaria dende o inicio da campaña ata o pasado luns, día 4 de decembro, unha cifra que supón un incremento de 2.258 persoas máis vacinadas con respecto ao ano 2016, neste mesmo período.
Exactamente, a campaña de vacinación antigripal na área sanitaria suma 48.049 persoas vacinadas, das cales a maior parte se corresponden ao grupo de risco de poboación maior de 60 anos. En concreto, 19.266 vacinados foron persoas maiores de 75 anos, 8.211, persoas con idades comprendidas entre os 70 e 74 anos; 7.000, persoas de entre 65 e 70 anos; 4.219, persoas de entre 60 e 65; e 9.353, menores de 60 anos de idade.
Con respecto a outro dos grupos de risco, a día 4 de decembro, na área de Pontevedra e O Salnés se contabilizaron 221 mulleres embarazadas vacinadas contra a gripe. Así mesmo, a nivel provincial, as áreas de Vigo e Pontevedra e O Salnés suman 148.902 persoas máis vacinadas.