Sanxenxo acollerá entre o 10 e 19 de xuño o Campionato do Mundo de Vela 6 Metros. Unha cita deportiva que mostrará Sanxenxo a 14 países diferentes e que se presentou este xoves en Fitur na caseta de Turismo de Galicia coa participación do alcalde, Telmo Martín; o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o presidente do Real Club Náutico, Pedro Campos.
O alcalde destacou a experiencia que tanto o Concello como o Real Club Náutico de Sanxenxo ten na celebración de grandes campionatos deportivos desde a Volvo Ocean Race en 2005. "Desde entón foron numerosas as probas de alto nivel que acolleu con gran éxito a ría de Pontevedra tendo como base en Sanxenxo. Unha das últimas, o pasado campionato europeo", incidiu.
Pero foi o "carácter hospitalario" do destino unido aos "mellores aliados posibles" como son o a paisaxe, a gastronomía e o patrimonio os que centraron o seu discurso. "En Sanxenxo non hai grandes cadeas hostaleiras, hai hoteis familiares que fan sentir como na casa aos visitantes. Levamos no noso ADN o carácter acolledor e hospitalario", asegurou para, a continuación, convidar a "reservar na súa axenda do 10 ao 19 de xuño para gozar do Campionato do Mundo de Vela de 6 metros e do noso precioso destino".
Preto de 50 embarcacións recalarán no porto de Sanxenxo con 14 bandeiras diferentes. O presidente do Real Club Náutico sinalou que "o Xacobeo 6 mR Worlds volverá ter como un dos seus obxectivos principais a desestacionalización de Sanxenxo e a intención da organización é contar cun aumento na participación do 30%, mantendo a calidade coa que xa contou o Europeo". E é que a cita prevé contar con frota americana, canadense e alemá que en anteriores probas non puideron participar polas restricións sanitarias.
Pola súa banda, o vicepresidente mostrouse convencido de que "será todo un éxito" para Galicia. "Este proxecto, que comezou en 2020 nun momento moi difícil pola pandemia, xa demostrou que podía celebrar un evento con todas as garantías como foi en primeiro lugar o Campionato de España e posteriormente o Europeo en 2021, polo que non hai dúbida de que o Mundial será de novo todo un éxito para Galicia".
Durante a xornada, o alcalde tivo tamén ocasión de estar coa presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.