O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, visitou este venres aos 54 inmigrantes aloxados nun establecemento hostaleiro da localidade desde este xoves para interesarse pola súa situación e ofrecer a colaboración do Concello durante a súa estancia no municipio.
Martín estivo acompañado da concelleira de Servizos Sociais, Paz Lago, departamento desde onde se rexistrará e canalizará a axuda municipal.
"Sanxenxo vai estar á altura como sempre e máis se se trata dun tema humanitario", manifestou.
"Cónstanos que con Accem están en moi boas mans", explicou Martín.
Na mesma liña, o alcalde lamentou que "a pesar de que poida haber empresas xa interesadas na súa contratación mentres se atopen en España, a actual lei de estranxeiría non permite a súa contratación de forma inmediata, aínda que sexa de forma temporal".
Procedentes de Senegal, na súa maioría, pero tamén de Mali, de Guinea Bissau e Guinea Conakri, o alcalde, a través dunha intérprete de Accem, interesouse por coñecer a súa situación, a súa profesión no país de orixe, a súa familia, así como as súas afeccións.
A visita realizouse nun ambiente distendido e próximo no que, algúns deles mesmo se animaron a mostrar o seu talento cun balón ou a realizar videollamadas co alcalde á súa familia.
Entre eles, hai pescadores, condutores, camareiros, mecánicos, albaneis… e todos mostraron o seu interese por traballar e labrarse un futuro, lonxe do seu país de orixe.
O Concello colaborará na cesión de espazos para que Accem poida realizar as súas actividades de integración e de aprendizaxe de español, así como nalgunha actividade lúdica que lles faga máis agradable a estancia no municipio.
Ademais, o Concello establecerá coa oenegué a colaboración con roupa de abrigo e calzado. Unha vez determinadas as tallas e os números de pé que necesitan, o Concello recollerá nun punto, aínda por fixar, o material co que poderán colaborar os veciños do municipio que así o desexen.