Técnicos municipais supervisan Santa Clara ante a oferta do Concello para adquirir o convento

Pontevedra
05 de decembro 2020

O obxecto da visita, tal e como xa adiantara o concelleiro de Urbanismo, enmárcase na necesidade de coñecer de forma técnica e rigorosa o estado do edificio do convento e da zona verde que o circunda, de cara a unha oferta de compra desta propiedade

Visita dos técnicos municipais a Santa Clara
Visita dos técnicos municipais a Santa Clara / Concello de Pontevedra

Un equipo técnico do Concello realizou unha visita ao recinto do convento de Santa Clara para valorar o estado de conservación tanto das edificacións como da finca exterior.

Na visita a Santa Clara, que estivo encabezada polos concelleiros César Mosquera e Xaquín Moreda, participou un amplo equipo formado por persoal técnico das disciplinas profesionais competentes para a redacción dos informes de avaliación.

O obxecto da visita, tal e como xa adiantara o concelleiro de Urbanismo, enmárcase na necesidade de coñecer de forma técnica e rigorosa o estado do edificio do convento e da zona verde que o circunda, de cara a unha oferta de compra desta propiedade.

A visita centrouse na revisión das características xerais das edificacións en cuestións relativas ao estado das estruturas, materiais empregados e o seu grao de conservación, tipo de instalacións existentes, accesibilidade e as distintas intervencións realizadas.

O recinto do convento ten unha superficie de máis dunha hectárea que, no relativo a zona verde, inclúe unha pequena zona axardinada no claustro, unha horta e unha ampla finca con plantacións de castiñeiros, de árbores froiteiras e de viñas.

En canto ás edificacións, ademais da igrexa, tamén se visitaron as áreas reservadas á vida diaria das relixiosas, como as zonas de descanso, cociña, salas de reunións ou de costura  as dependencias dedicadas a almacenamento e as construcións anexas usadas como alpendres e palleiras.