Técnicos municipais determinarán "o que é posible facer e o que non" na Horta do Cura

Pontevedra
16 de decembro 2014

O resultado deste estudo será trasladado aos promotores deste proxecto, para que poidan axustarse ás directrices marcadas

Estado actual no que se atopa a Horta do Cura
Estado actual no que se atopa a Horta do Cura / Mónica Patxot

O estado da Horta do Cura, situada en pleno centro histórico, é dende hai doce anos un asunto recorrente sobre o que a Comisión de Urbanismo do Concello de Pontevedra debe pronunciarse cada certo tempo. Os promotores seguen empeñados en rehabilitar o inmoble, situado na rúa Don Filiberto 5, e aproveitar o terreo lindante para construír un aparcadoiro subterráneo para residentes da zona.

Estes plans chocan cos ditames que, periodicamente, emiten sobre este ámbito o Concello de Pontevedra e, sobre todo, a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.

Por iso, o Concello de Pontevedra, ante unha nova solicitude de información urbanística sobre o inmoble a rehabilitar e a mazá interior, un espazo de mil metros cadrados delimitada polas rúas Bastida, Alhóndiga, Don Filiberto, Manuel Quiroga, Fernández Villaverde e Michelena, decidiu encargar aos técnicos municipais un estudo que determine " o que é posible facer e o que non" en todo este ámbito.

O resultado deste estudo será trasladado aos promotores deste proxecto, para que poidan axustarse ás directrices marcadas.

En todo caso, Antón Louro asegura que o goberno municipal espera que este asunto "se resolva canto antes" para poder axeitar unha área que actualmente presenta un lamentable estado de abandono. Iso si, recoñece que calquera solución que se busque non será doada dende o punto de vista arqueolóxico, arquitectónico ou artístico.