Técnicos de Patrimonio da Xunta avaliaron este martes o alcance dos danos ocasionados por un atentado contra o patrimonio arqueolóxicos sufrido por dous gravados rupestres da "Laxe da Rotea de Mendo" ocorrido hai uns días na parroquia de San Miguel de Campo, no municipio de Campo Lameiro.
Esta primeira intervención serviu para revisar os danos ocasionados e buscar a mellor forma de recuperar o estado dos petróglifos danados polo uso abrasivo de pedras polos surcos que conforman estas composicións prehistóricas.
O alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, mostrouse moi afectado por estes acontecementos e segue moi de preto os avances da investigación que realiza Patrimonio e a Garda Civil para dar cos responsables.
"Forman parte do patrimonio non so de Campo Lameiro senón de todos os galegos polo que non podemos permitir que isto quede así. Non é unha trastada é un auténtico atentado contra o noso acervo cultural e arqueolóxico e debemos facer todo o posible para evitar que os responsables se vaian de rositas", declarou o rexedor, que pide axuda á veciñanza para avisar de calquera conduta sospeitosa.