Persoal técnico de Augas de Galicia reuniuse este mércores con representantes do sector marisqueiro da ría de Pontevedra para avanzar na redacción do Plan de saneamento local.
Os técnicos de Augas de Galicia explicaron que o novo plan articularase cun enfoque parecido aos plans xa redactados para outras rías como as de Arousa ou O Burgo. Neste sentido, concretaron que se realizará unha primeira fase de coñecemento da rede actual e avaliación do seu funcionamento e dos impactos que producen os alivios da mesma.
Dende a Xunta sinalouse que posteriormente a esta primeira fase, realizaranse campañas de medición de caudais en tempo seco e chuvioso e de analíticas da auga, acadando tamén un modelo virtual da rede e da ría que simulará o seu comportamento actual e a eficacia das diferentes alternativas para corrixir os problemas que se detecten. Finalmente, tras a análise da información acadada, elaboraranse as propostas de actuación.
O Goberno galego subliña a importancia da colaboración de todos os sectores e administracións afectadas para levar a cabo todo este traballo de planificación. A Xunta está a traballar na liña de manter informados a todos os axentes a través de xuntanzas como a que se celebrou este mércores.