Hai centos de variedades de té, pero todas proceden da mesma planta: a camelia sinensis.
Esa foi unha das claves do té que o especialista e catador Carlos Riaño explicou nos obradoiros de té galego organizados pola Deputación de Pontevedra na feira gourmet Etiqueta Negra. Estes obradoiros foron todo un éxito, xa que esgotáronse as prazas dispoñibles (20 por sesión), houbo que poñer máis mesas e cadeiras para as degustacións previstas e, aínda así, quedou xente de pé seguindo as explicacións, que duraron unha hora e media por sesión.
A deputada, Eva Vilaverde, sinalou que coa participación da Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA) na feira gourmet e a boa acollida que tiveron os obradoiros cumpriuse ao cento por cento o obxectivo de amosar as potencialidades do té en Galicia. "Despois das degustacións do noso té houbo moita xente que incluso preguntou onde se podía mercar, polo que está claro que é unha aposta interesante a desenvolver ", sinalou a deputada Eva Vilaverde.
Riaño salientou as características do té de Areeiro e comparouno con outras variedades, afirmando que en función das formas de preparación pode ter diferentes gustos. Así mesmo, na degustación realizáronse maridaxes do té do país con outros produtos da terra, como queixo ou berberechos.
ALUMNOS DE HOSTALERÍA
Alumnos do CIFP Carlos Oroza, do Centro Superior de Hostalería de Galicia e do Obradoiro de Hostalería do Salnés participaron na programación da feira Etiqueta Negra.
No caso do obradoiro do Salnés, os dez alumnos de cociña, dirixidos por Francisco Caneda e os 10 de sala, dirixidos por Rocío Lis, realizaron este luns un showcooking en directo elaborando diversos pratos a partir de produtos moi típicos das Rías Baixas, como son as navallas, o polbo e as zamburiñas.
Os do Carlos Oroza presentaron unha proposta de novos usos culinarios da lapa e da camelia, ofrecendo desgustacións de follas fritas de camelia con chantillí, nigiri de vieira con aceite de camelia e un cóctel que fixo as delicias de todos os padais.