Taxan en medio millón de euros o valor dos bens artísticos de Santa Clara

Pontevedra
14 de setembro 2021

A taxación dos bens artísticos do convento, que era o trámite que faltaba para poder iniciar o proceso administrativo de compra, fixa o seu valor no medio millón de euros. Quedarán en custodia do Concello durante catro anos e, tras iso, as clarisas decidirán levalos ou vendelos

Visita guiada ao Convento de Santa Clara
Visita guiada ao Convento de Santa Clara / Mónica Patxot

Outubro. É a data prevista polo Concello para poder asinar a compra do convento de Santa Clara, polo que pagará 3,2 millóns de euros á orde relixiosa das clarisas.

Para poder iniciar o proceso administrativo para adquirir o histórico inmoble, segundo explicou o edil de Patrimonio, Xaquín Moreda, había que realizar unha taxación dos bens artísticos do convento, entre eles os retablos, o púlpito, a sillería do coro e o órgano.

Esta taxación, realizada polo catedrático Juan Manuel Monterroso Montero, docente e investigador da área de Historia da arte da Universidade de Santiago, establece que o valor conxunto de todos estes bens situaríase en torno ao medio millón de euros.

En concreto, o seu informe establece unha pinza que oscilaría entre os 471.000 e os 541.600 euros, que sería o prezo de mercado de todas as obras que permanecen en Santa Clara.

Sexa como sexa, todos estes bens artísticos, segundo acordou o Concello coas clarisas, quedarán en depósito e custodiados pola administración municipal durante catro anos. Pasado ese tempo, as relixiosas terán que decidir se as levan ou as venden, previa autorización de Patrimonio.

Neste último caso, adiantou Moreda, o goberno municipal -ou a administración que se faga cargo da xestión do convento- adquirirá esas obras. Mentres tanto terá que asumir os correspondentes labores de mantemento e conservación.

O ÓRGANO, O BEN DE MAIOR VALOR

Curiosamente non son os retablos de Santa Clara -desprovistos das tallas relixiosas- a obra que tería un maior valor económico. Sería o órgano do convento, que data de 1795 e que é o único órgano histórico que se conserva na cidade de Pontevedra. O seu prezo podería alcanzar os 155.000 euros.

O retablo maior, considera como a peza artística máis relevante, tería un valor máximo de 146.000 euros. A súa orixe data de entre 1730 e 1734, ten 10,22 metros de altura e 5,60 de ancho, e os seus autores, segundo diferentes documentos, serían Antonio e Gaspar Dacanle.

Dos seus dous retablos laterais de estilo neoclásico, pola súa banda, descoñécese o seu autor e a data de creación, aínda que esta última estímase no terceiro cuarto do século XVIII. Ambas as pezas, de 5,95 metros de alto por 2,96 de ancho, custarían entre 99.000 e 114.000 euros.

O coñecido como retablo da Nosa Señora dos Desamparados, foi construído entre 1735 e 1745 para rodear un óleo xa desaparecido da virxe, e o seu valor estaría segundo a taxación realizada entre 74.000 e 85.100 euros.

Por último, o púlpito -elaborado en ferro en pedra a finais do século XVIII- tería un valor entre 22.000 e 25.500 euros e os 24 asentos do coro -20 de respaldo baixo e catro de respaldo alto-, que datan de 1795, foron taxados nuns 16.000 euros.

Esta taxación foi remitida xa á orde das clarisas, que contan á súa vez coa súa propia estimación do valor destes bens, e que, segundo asegurou Xaquín Moreda, non tería moitas diferenzas coas cantidades que recolle a taxación encargada polo Concello.