Chegamos a unha nova entrega de"A cociña gourmet en conserva" cunha presentación moi orixinal que combina o salmón mariñado coas especialidades en lata de Pescamar e a delicada textura do queixo crema.
O atún é un peixe con múltiples propiedades. Destacan a súa achega en proteínas de gran valor biolóxico e o seu alto contido en Omega-3. A estas importantes calidades, hai que engadir os beneficios da súa presentación en aceite de oliva, que ademais contribúe a potenciar o seu sabor.
Para preparar un delicioso Tártaro de salmón con paté de atún Pescamar e queixo crema necesitamos os seguintes ingredientes:
- 250 g. de salmón
- Cebola
- Alcaparras
- Aceite de oliva 0,4º
- Salsa de soia
- Ravo picante
- Wasabi (mostaza xaponesa)
- Verduriñas de tempada
- 1 cogombro pequeno
- Aneto
Para o paté de atún:
- 1 lata de Atún Claro en aceite de oliva Pescamar
- 150 g de queixo crema
- 10 olivas recheas de anchoa
- 1 limón
Elaboración:
Para preparar o paté, mesturamos o contido da lata de Atún Claro en aceite de oliva Pescamar, previamente escorrida, e o queixo cremoso coa batedora ata obter unha crema espesa.
A continuación, cortamos as olivas en anacos moi pequenos e engadímolos á mestura anterior ata que formen unha pasta consistente.
Incorporamos un pouco de zume de limón para gañar en cremosidade. Reservamos.
Para preparar o tártaro, cortamos o salmón en anacos pequeniños.
A continuación, colocámolo nun bol con cebolas e alcaparras picadas, un aliño preparado con aceite de oliva 0,4° e salsa de soia, un chisco de ravo picante e de wasabi. Deixamos macerar durante 10 minutos.
Aparte refogamos en aceite quente as verduras cortadas moi finas e nunha cantidade axeitada para poñer unha capa sobre o tártaro.
Axudados cun molde de empratado redondo, colocamos o tártaro, cubrimos coas verduriñas e por enriba o paté de atún Pescamar.
Sobre unha bandexa, poñemos dous liscos finos de cogombro e sobre eles a preparación no molde. Retiramos o molde e servimos. Decoramos cunha poliña de aneto.
En dúas semanas, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.