Xornada de nervios e de festexos a que se vive este venres en Pontevedra con motivo de diversos actos de gradación que suponen la despedida á etapa universitaria.
Román Rodríguez, conselleiro de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional, coincidía co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e coa vicerreitora en Pontevedra da Universidade de Vigo, Eva María Lantarón, no acto de gradación da décimo quinta promoción de estudantes de Dirección e Xestión Pública do campus pontevedrés.
O conselleiro exerceu de padriño desta promoción formada por trinta estudantes e agradeceu ás familias o esforzo mostrado durante estes anos.
Dirección e Xestión Pública conta con once integrantes da primeira promoción da modalidade virtual deste grao, a única que existe no sistema universitario galego e que tamén recibían o seu recoñecemento.
Ignacio Fernández foi o padriño académico da modalidade presencial mentres que Victoria Canoura foi a madriña do alumnado virtual.
A Escola Universitaria de Enfermería, centro adscrito á Universidade de Vigo, tamén celebraba o acto de despedida de 39 tituladas e cinco titulados da décimo primeira promoción do grao; ademais de tres egresados no curso ponte. Este ano cúmprese medio século da creación por parte da Deputación da antiga Escola de Axudantes Técnicos Sanitarios da Cruz Vermella que foi o xerme da actual Escola de Enfermería.
Irene Garay e Julio Diz exerceron como madriña e padriño da promoción durante o acto celebrado no Pazo Provincial. A graduada Vanesa Olga Grandal foi a encargada de ler a última lección do curso centrada en salvar vidas en incidentes acuáticos.
No Teatro Principal desenvolvíase tamén esta tarde o acto da XV promoción do Grao en Comunicación Audiovisual. Como madriña e padriño académicos exerceron Diana Ramahí e Oswaldo García.
O venres 21 de xuño continuarán os actos coa gradación de alumnado de Fisioterapia e xa o venres 28 a Facultade de Ciencias da Educación e do Deportes acollerá a 240 estudantes dos tres graos que se imparten neste centro.