Tapan o Camiño Vello de Castela tras concluír os traballos arqueolóxicos

Pontevedra
24 de novembro 2014

Para manter o depósito os técnicos protexeron os restos cubríndoos cunha lámina de xeotextil colocada directamente sobre a superficie do Camiño Vello de Castela

Cubrición dos vestixios do Camiño Vello de Castela
Cubrición dos vestixios do Camiño Vello de Castela

Os arqueólogos empezaron este luns a tapar os restos arqueolóxicos na rúa Santa Clara cunha tea xeotextil para protexelos da auga unha vez que sexan soterrados.

A empresa Citania escavou durante estes días nuns 400 metros cadrados do tramo final da rúa, dende a entrada ao aparcadoiro do Hipermercado Froiz ata o cruzamento con Cobián Roffignac.

Durante estes traballos descubríronse as lousas do antigo Camiño Vello de Castela e a muralla da cidade coa porta de ⿿Rocha forte⿿, ademais doutros vestixios como restos de cerámica e moedas.

Para protexer o depósito os técnicos protexeron os restos cubríndoos cunha lámina de xeotextil colocada directamente sobre a superficie do Camiño Vello de Castela. Despois taparase cunha capa de area estéril, area lavada ou area de canteira de polo menos 20 centímetros en contacto directo con esta lámina de xeotextil; e, por último, unha capa de gravas, que reteña esa capa de area. Así se asegura un bo sistema de drenaxe.

Dende a concellaría de urbanismo confían en que inmediatamente se poidan retomar os traballos da reforma da rúa Santa Clara e que poida estar lista a finais de ano.