A concelleira de Igualdade do Concello de Pontevedra, Anabel Gulías, presentou hoxe un novo ciclo de faladoiros feministas que se desenvolverá ao longo das vindeiras semanas.
Segundo explicou, esta programación forma parte da iniciativa promovida baixo o lema "O feminismo mellora o mundo", que busca transcender a celebración do 8M e estender a reflexión sobre o feminismo a todos os ámbitos da sociedade.
O ciclo componse de tres encontros que terán lugar na sala multiusos do Teatro Principal, con acceso libre ata completar a capacidade:
O primeiro dos faladoiros, "Feminismo e Deporte", celebrarase o mércores 26 de marzo ás 19:00 horas e contará coa participación da karateka Ruth Lorenzo Couso, deportista galega de élite que forma parte da selección española e que ten acadado importantes éxitos a nivel internacional, como a medalla de bronce no Campionato Iberoamericano en 2023. A moderadora será a xornalista especializada en deportes Lara Sáez Vilas.
Segundo destacou Gulías, esta charla será "altamente recomendable" para abordar os estereotipos no ámbito deportivo e coñecer a traxectoria dunha deportista "concienciada e feminista".
O martes 1 de abril, tamén ás 19:00 horas, terá lugar o faladoiro "Feminismo e política", que reunirá a tres deputadas de diferentes formacións políticas: Raquel Arias Rodríguez (PP), Paloma Castro Rey (PSdeG-PSOE) e Olalla Rodil Fernández (BNG). O encontro, moderado pola xornalista María Varela Abelairas, abordará as barreiras que enfrontan as mulleres dentro e fóra do ámbito político.
O ciclo pecharase o martes 8 de abril, ás 19:00 horas, co faladoiro "Feminismo e cultura", que contará coa participación das tres integrantes das Tanxugueiras: Aida Tarrío, Olaia Maneiro e Sabela Maneiro. Neste caso, a moderadora será a xornalista Chus Gómez Dorrego.

A concelleira destacou a importancia deste encontro para "avanzar no feminismo na cultura e na lingua", poñendo en valor o traballo das cantareiras, que "estiveron moi invisibilizadas" a pesar de ser fundamentais na conservación do patrimonio cultural galego.
Ademais destes faladoiros, a programación de Igualdade do Concello de Pontevedra inclúe outras actividades como a derradeira función do espectáculo teatral "Invisibles", que terá lugar o 2 de abril ás 20:00 horas con entrada libre.
Esta obra, baseada no traballo de Montse Fajardo, aborda a violencia machista e foi impulsada pola concellería de Igualdade a través da anterior edil, Carme Fouces.
Gulías tamén anunciou a realización de charlas e actividades feministas dirixidas ao público máis novo, desde infantil e primaria ata bacharelato e formación profesional.
Destacou especialmente o proxecto "De Eva a Maruxa", unha exposición que analiza o papel da muller na arte e que se está a desenvolver nos centros de secundaria a través do Consello da Muller Nova.
A mostra tamén poderá verse no mercado de abastos en xuño e posteriormente será itinerante, segundo avanzou Anabel Gulías.
A concelleira de Igualdade subliñou que esta programación relacionada co 8M busca "poñer o foco no importante" e dar visibilidade ás opinións das mulleres.