O mediático xuízo á 'narcoavogada' cambadesa Tania Varela celebrado na Audiencia Provincial de Pontevedra o pasado mes de marzo acabou en condena. Foi o seu primeiro paso por un tribunal galego e non saíu segundo os seus intereses, pois a Sección Cuarta impúxolle unha condena dun ano e oito meses de prisión e o pago dunha multa de 56.000 euros.
Varela, que chegou a ser a única española na lista dos fugitivos máis buscados pola Europol, suma esta condena a outra da Audiencia Nacional confirmada polo Tribunal Supremo que lle impón a pena de sete anos de prisión e multa de 318.080.058 euros por un alixo de dúas toneladas de cocaína no que foi condenada xunto a David Pérez Lago, fillastro de Laureano Oubiña.
Ademais, a sentenza inclúe o comiso do diñeiro utilizado para a comisión do delito e, no seu caso, das súas transformacións ou equivalentes, e determina que pase a ser diñeiro público, adxudicándollo ao Estado a través do Fondo do Plan Nacional contra a Droga.
Nesta ocasión, a Audiencia considéraa autora dun delito de branqueo de capitais procedentes do narcotráfico e sostén que non teñen ningunha dúbida de que "se enriqueceu co produto da venda de substancias estupefacientes" e que "como consecuencia da actividade de narcotráfico" á que se dedicaba, "enriqueceuse".
A Sección Cuarta da Audiencia conclúe que durante os anos 2005 e 2006 realizou "operacións coa finalidade de dar entrada no tráfico mercantil lícito ao diñeiro procedente do narcotráfico". Así, atopa "indicios plurais e de entidade suficiente" que acreditan que executou operacións "cuxos pagos en efectivo denotan o manexo concreto de cantidades de diñeiro que non se xustifican".
Esas operacións supoñen a ocultación de polo menos 70.000 euros, "pouco acordes co seu nivel de ingresos", pois naqueles anos a actividade legal que se lle coñece foi como avogada do Centro de Información á Muller (CIM) de Cambados -foi a súa primeira directora-, asesora da Confraría desa mesma localidade e nun despacho propio.
As maxistradas pontevedresas destacan as "manobras" levadas a cabo pola sospeitosa para "ocultar a súa titularidade" e aseguran que "a orixe delituosa das cantidades branqueadas" está acreditada. Respecto diso, cabe apuntar que durante o xuízo celebrado na Audiencia o pasado mes de marzo Varela negou a súa relación co tráfico de drogas, asegurando que "siempre me produjo rechazo" e negouse a atender a clientes por ese delito.
Os feitos polos que foi condenada remóntanse a 13 anos atrás, entre 2005 e 2006, de modo que o tribunal tivo en conta á hora de ditar a pena a circunstancia atenuante moi cualificada de dilacións indebidas. Cabe apuntar que durante máis de cinco anos ela estivo fuxida da Xustiza e o caso xa se xulgou para o resto dos acusados, incluídos David Pérez Lago, anos atrás.