Os talleres de Etiqueta Negra: empanada de xoubas, albóndegas perla e recheos para 'macarons'

Pontevedra
01 de novembro 2024

Inés Cameselle, cociñeira de Casa Ces, a formadora Lili Wo e a pasteleira profesional Valeria Khamutynska impartirán os tres talleres que se ofrecerán no marco de Etiqueta Negra

Valeria Khamutynska, pasteleira profesional
Valeria Khamutynska, pasteleira profesional / Etiqueta Negra

Tres serán os talleres que se celebren este ano no marco de Etiqueta Negra, a feira do gourmet galego que acollerá o Recinto Ferial de Pontevedra os días 9, 10 e 11 de novembro.

O primeiro deles celebrarase o sábado 9 ás 17:00 horas. Estará dedicado á preparación de empanadas de xoubas.

Os asistentes poderán descubrir técnicas de amasado, limpeza do peixe e outros trucos culinarios para elaborar una empanada excepcional, ao estilo da Casa Ces.

Inés Cameselle, cuarta xeración deste histórico restaurante familiar fundado en Poio en 1908, impartirá este taller.

Apaixonada desde sempre pola hostalaría, a súa cociña baséase na tradición galega, respectando ao máximo o produto local e as receitas herdadas de súa nai e avoa.

O domingo 10 ás 16:30 horas, a formadora e cociñeira Lili Wo volverá a Etiqueta Negra cunha deliciosa proposta culinaria: as albóndegas perla, cociñadas ao vapor e cubertas de arroz glutinoso.

Trátase dun delicioso prato chinés que combina a suavidade e a textura única do arroz glutinoso, co sabor substancioso das albóndegas.

Carne selecta de porco galego, setas shiitake e brotes de bambú colleitados en Galicia serán a base e o acompañamento desta elaboración.

Xa pola tarde, ás 18.15 horas, será a quenda dun taller moi doce dedicado á creación de recheos dobres para macarons e como aplicalos noutras sobremesas.

Durante esta sesión, os asistentes tamén poderán familiarizarse coa montaxe de petit fours, uns delicados mini postres ideais para o tempo de Nadal.

Valeria Khamutynska, pasteleira profesional especializada en macarons dobres e recheos de vangarda, patrocina e imparte este taller práctico.

Hai dez anos, Valeria, chegou a España desde Ucraína. Nesta década formouse nas mellores escolas de Barcelona, xestionou o seu propio obradoiro de repostaría vangardista e foi profesora nunha das mellores escolas profesionais de cocina e pastelaría, Bellart.

Agora, afincada en Galicia, dedícase á formación na súa escola en liña Válerys.

Para participar nestes talleres cómpre inscrición e pago previo (15 euros) na páxina web etiquetanegragourmet.com. As prazas son limitadas.