A Tafona terá un parque para persoas maiores

Umia
25 de marzo 2025
Actualizado: 18:04

O Concello de Caldas de Reis licitará o proxecto por preto de 45.000 euros e inclúe a dotación dunha pista de petanca, un área para xogar á chave e elementos bisaudables

Un grupo de persoas maiores xogan ás cartas nun parque
Un grupo de persoas maiores xogan ás cartas nun parque / Juan Mejuto

O Concello de Caldas Reis acometerá a dotación dun parque para persoas maiores na Tafona, nunha parcela duns 900 metros cadrados, entre os ríos Umia e Bendaña.

O alcalde, Jacobo Pérez, incide en que esta zona será "un punto de encontro para os nosos e as nosas maiores, no que poderán compartir xuntos tempo de calidade, ademais de practicar diferentes xogos tradicionais e levar unha vida saudable".

O proxecto, que será  aprobado esta semana en Xunta de Goberno, contará cun orzamento inicial que ascende a 44.745 euros.

Esta nova instalación contará cunha pista de petanca, ademais dun espazo para o tradicional xogo da chave.

A actuación tamén incluirá a dotación de cinco elementos biosaudables, nos que se poderán realizar distintos exercicios de mantemento, e que contarán cos correspondentes paneis informativos sobre o seu uso.

Procederase, asemade, á dotación de mobiliario composto por bancos e meses, ademais de asentos rústicos de pedra, respectando en todo momento a contorna.

O proxecto ten en conta tamén a realización dos pertinentes traballos de reforzo do pozo de cachotería que existe na zona.

Por último, habilitarase unha fonte de auga potable, que contará con dous grifos, un para persoas e outro para mascotas.

O prazo de execución dos traballos, unha vez se complete o pertinente proceso de licitación, será de tres meses.

"Dentro da nosa folla de ruta para mellorar e garantir unha boa calidade de vida para a nosa veciñanza, temos moi en conta o que precisan as persoas da terceira idade e estamos convencidos de que este parque acabará consolidándose  como un lugar de encontro no que socializar e practicar hábitos saudables”, sinalou o alcalde. 

O proxecto conta con todos os permisos necesarios. Neste sentido, o Concello de Caldas de Reis xestionou as autorizacións pertinentes doutros departamentos, como é o caso da Dirección Xeral de Patrimonio. Este requisito era necesario, ao atoparse a parcela dentro da área de respecto dos xacementos arqueolóxicos do Asentamento Romano catalogado no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

Durante o desenvolvemento das obras levarase a cabo un control arqueolóxico sobre os desterros ocasionados polos traballos. Ademais, a actuación tamén conta cos informes favorables de Augas de Galicia.