Suxiren facer do Pazo de Lourizán un centro de divulgación ambiental de Galicia

Pontevedra
21 de abril 2016

Entre outras ideas suxiren que Lourizán acolla unha sede do CEIDA, o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia. Esta institución sita no Castelo de Oleiros, na provincia da Coruña, atende unha parte da demanda sobre as cuestións ambientais, dentro dun ámbito moi reducido relacionado coa educación

Pazo de Lourizán
Pazo de Lourizán / Juan Mejuto

O grupo de traballo AnovaTerra, da organización política Anova, acaba de remitir á Xunta, á Deputación e ao Concello de Pontevedra unha iniciativa para a posta en valor do Pazo e a finca de Lourizán.

Entre outras ideas suxiren que Lourizán acolla unha sede do CEIDA, o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia. Esta institución sita no Castelo de Oleiros, na provincia da Coruña, atende unha parte da demanda sobre as cuestións ambientais, dentro dun ámbito moi reducido relacionado coa educación.

Ademais piden a transformación do Pazo de Lourizán e a súa leira, nun centro de interese nacional, que teña como referentes o propio edificio e demais instalacións xunto ao xardín botánico, e dotalas dos equipamentos necesarios para contar cun Arquivo Nacional do Medio Ambiente Galego, campañas de difusión, programas e recursos educativos, material de exposicións, organización de seminarios, cursos, foros de reflexión, formación ambiental ou Centro de Interpretación do Medio Galego, entre outras ideas.

Desde AnovaTerra, destacan que "sen dúbida, a posta en valor deste enclave repercutiría notablemente no desenvolvemento da comarca".

Como intervención na conservación do Pazo de Lourizán, este grupo de traballo propón unha adecuación interior para funcionar como un albergue con capacidade para 15 dormitorios dobres que permitan estancias completas de alumnado durante os cursos.

A idea contempla que o Pazo entre na oferta educativa para os centros de ensino galegos

Ademais o nobre edificio acollería unha cociña/comedor para  un máximo de 50 persoas, un salón de actos con sistema multimedia, biblioteca e centro de recursos, guias para os alumnos e profesorado, aula interactiva sobre o sistema agrario e monte galego, aula dos recursos hídricos e sobre o medio mariño.

A idea contempla que o Pazo entre na oferta educativa para os centros de ensino galegos e doutros territorios "a todos os niveis", para grupos de estudiosos, cursos, seminarios e tamén en xeral para visitas organizadas, ademais de converterse nun atractivo cara ao turismo.