Sutega e Novavila amoblarán as Pousadas do Salnés para que poidan abrir en Semana Santa

O Salnés
19 de decembro 2014

A Deputación vén de adxudicar o mobiliario o unha unión temporal de empresas que dispón de 70 días para subministralo. Nestes momentos se están a rematar labores de acondicionamento de accesos e alumeado, que deixarán o contorno das catro Pousadas en perfectas condicións

Pousada de Ribadumia
Pousada de Ribadumia / Deputación de Pontevedra

As Pousadas do Salnés estarán completamente listas para a súa posta en funcionamento antes de que comece Semana Santa. Así o puxo de manifesto o presidente da Deputación, Rafael Louzán, que anunciou a adxudicación, na Xunta de Goberno deste venres, do mobiliario para estes establecementos.

A unión temporal de empresas integrada por Suministros Técnicos de Galicia (Sutega) e Novavila Rías Baixas S.A. foi a gañadora do concurso, cun orzamento de 1.4 millóns de euros e un prazo de subministración do equipamento é de 70 días.

Tendo en conta estes prazos e que nestes momentos están en execución os últimos traballos de acondicionamento e alumeado dos accesos, agárdase que antes de Semana Santa estean completas todas as infraestruturas e acondicionado o contorno para a súa posta en marcha por parte da empresa adxudicataria, do Grupo Hotusa.

Na actualidade 42 mozos están formándose en hoteis de Alemaña e España no marco dos ciclos de FP Dual postos en marcha pola Administración provincial, a Consellería de Educación e a empresa, de forma que tamén se disporía de persoal perfectamente formado para traballar nestes centros.

Arquivado en