Susto para o atleta Jacobo Soler en plena cidade: "estaba camiñando cos meus cans e atopeime de fronte o xabaril"

Pontevedra
01 de maio 2024

Jacobo, acompañado pola súa cadela Lúa e o seu can Loki, topou o pasado luns cun xabaril de grandes dimensións ao fondo da Travesía 1ª á Rúa da Seca, unha zona verde situado no casco urbano

Xabaril aparecido no barrio da Seca / Jacobo Soler

Como cada tarde, o luns 29 de abril o atleta Jacobo Soler paseaba cos seus cans pola contorna do barrio da Seca, en Pontevedra, antes de realizar o seu adestramento no Centro Galego de Tecnificación Deportiva. Eran as 18:10 horas, "seino, porque é a hora que marca o vídeo que gravei", comenta con exactitude.

Jacobo, acompañado pola súa cadela Lúa e o seu can Loki, internábase pola Travesía 1ª á Rúa da Seca, un camiño que habitualmente é transitado por persoas cos seus cans, especialmente nos últimos días, tras a roza da maleza do lugar. Este vial desemboca nunha zona verde que discorre xunto ao Rego de Valdecorvos e a rúa Xosé Malvar.

"Eu adoito ir cos cans porque é unha zona tranquila, xusto ao pasar a casa en ruínas, estaba camiñando e atopeime de fronte o xabaril que estaba aí tombado, tranquilo, debía estar medio durmido porque non se movía", relata Jacobo. Inmediatamente atou aos cans, para evitar que se achegasen ao animal que, confesa, debía ser adulto polas grandes dimensións.

"Como o camiño non ten saída, tiña medo de que o xabaril se me viñese de fronte, pero nada, nin se inmutou; e logo si, levantouse, miroume, deu a volta e foise correndo detrás dunhas árbores, non sei moi ben onde, porque detrás está xusto o tramo de subida da estrada (rúa Xosé Malvar)", continúa.

Curiosamente, non é a primeira ocasión que un xabaril se cruza no camiño de Jacobo. "A última vez foi no mes de marzo, no miradoiro das antenas da Caeira, de feito non o atopei eu, foron os meus cans, empezaron a perseguilo e o xabaril saíu correndo, pero aínda tardei uns minutiños en ver os cans".

A este episodio, súmanse dous encontros máis, na Guarda, a súa localidade de orixe. O primeiro, sen máis transcendencia, nunha zona de estrada: "eu funme por unha banda e o xabaril por outra". O segundo, por un camiño entre leiras, impresiona polo número de exemplares. "Eran dous xabarís grandes e tres crías, eu ía en bicicleta e asusteime porque de súpeto viñan cara a min; como non tiña escapatoria, aparteime detrás dunhas pedras e eles pasaron pola beira, foi un visto e non visto, creo que nos asustamos todos".

No último encontro ocorrido en Pontevedra, a Jacobo Soler chámalle a atención que o lugar estea situado dentro do centro urbano e non nunha zona de monte, como nos outros eventos.

Un día despois do suceso, á mesma hora percorría a zona coa fotógrafa de PontevedraViva sen que houbese rastro do xabaril. Recoñece o atleta que continuará paseando por este espazo cos seus cans porque intúe que o animal está de paso e é, aparentemente, pacífico.