Os Bombeiros de Ribadumia e o servizo de Emerxencias de Sanxenxo tiveron que intervir á primeira hora da mañá deste venres día 1 para apagar un lume que se iniciou nun galpón pegado a unha casa de Meaño.
Segundo a información facilitada por 112 Galicia, a casa está situada en Ganón, na parroquia de Xil, no concello de Meaño, e o lume comezou, segundo as primeiras informacións, por mor dun curtocircuíto dun contador.
O propio dono do galpón alertou ao 112 sobre as 9.00 horas e indicou que non había persoas afectadas pero que o galpón, que almacenaba herba seca, estaba xunto á vivenda e a un hórreo.
Desde o 112 informouse dos feitos aos Bombeiros do Salnés, aos membros do GES de Sanxenxo e á Garda Civil.
Os profesionais de extinción tardaron máis de dúas horas en dar por finalizado o seu traballo, debido á cantidade de palla que almacenaba o alpendre.
A estrutura da casa non se viu afectada. Segundo o 112, ardeu unicamente a palla almacenada