Suspendido un xuízo por narcotráfico ao sufrir un accidente de tráfico un dos acusados cando ía camiño da Audiencia

Pontevedra
22 de maio 2023

A Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra suspendeu o xuízo previsto para hoxe luns contra nove acusados de conformar unha organización criminal de tráfico de drogas que, durante o confinamento, en 2020, tratou de introducir polo menos 3,2 toneladas de cocaína en Galicia nun narcovelero

Xuízo por narcotráfico
Xuízo por narcotráfico / Mónica Patxot

A Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra suspendeu o xuízo previsto para hoxe luns contra nove acusados de conformar unha organización criminal de tráfico de drogas que, durante o confinamento, en 2020, tratou de introducir polo menos 3,2 toneladas de cocaína en Galicia nun narcovelero.

Segundo explicou na Sala de Vistas o presidente do tribunal, un dos acusados Daniel R.S. "sufriu un accidente de tráfico cando estaba a entrar en Pontevedra". 

O tribunal corroborou a existencia deste sinistro coa Garda Civil constatando, ademais, que o home procesado nesta causa fora trasladado ata un centro hospitalario ao resultar ferido no accidente.

O maxistrado tamén informou que este acusado ten que estar en observación 24 horas polo que o xuízo foi sinalado de novo para este mércores 24 de maio.

O fiscal antidroga, Pablo Varela, pide para o presunto xefe da trama penas que suman 18 anos de prisión e unha multa de 360 millóns de euros, e para os outros oito acusados solicita condenas por 13 anos e medio de cárcere e multas de 300 millóns de euros.

O escrito de acusación relata como estes nove acusados, xunto con outros individuos que "non foi posible identificar", participaron dunha organización criminal que preparou e organizou un desembarco de cocaína en Galicia en marzo de 2020, en pleno confinamento, empregando para iso un narcovelero adaptado e varias lanchas rápidas que se encargaban do desembarco de droga, entre outros elementos.

O operativo foi desmantelado pola Garda Civil, a Policía Nacional e le Servizo de Vixilancia Aduaneira.