Suspenden a feira ambulante do vindeiro sábado 25 con motivo do Campionato de España de Tríatlon

Pontevedra
20 de agosto 2018

A concelleira Carme da Silva indicou que se elaborou un plan de tráfico para esa xornada, pero que é preciso suspender esta xornada de actividade comercial para que se poida desenvolver o evento deportivo. A medida espertou o malestar dun grupo de vendedores

Mercadillo
Mercadillo / Juan Mejuto

A celebración do Campionato de España de Tríatlon de Longa Distancia vai levarse a cabo o vindeiro sábado 25 nun circuíto situado na contorna da Xunqueira. Esta competición implica o desenvolvemento dun plan de tráfico por parte da Policía Local e, ao mesmo tempo, a organización obriga a suspender a actividade comercial do mercadillo da feira ambulante na rúa Rafael  Areses, que se celebra os sábados.

Un grupo de vendedores lamenta que non se lles avisase con antelación e consideran que desde o goberno local prímase a actividade deportiva en lugar do traballo. Sinalan que estas suspensións están a levarse a cabo de maneira habitual con diversas competicións deportivas durante os últimos anos. Estes comerciantes indican que son autonómos e reclaman outra localización para poder instalar os seus postos durante esa xornada.

Lamentan que ninguén do  Concello ofrécelles explicacións sobre esta suspensión nin tampouco lles aportan alternativas ante as perdas económicas que van sufrir.