A subida do aluguer, principal causa do peche de Massimo Dutti en Pontevedra

Pontevedra
09 de xaneiro 2025

A decisión de Inditex é pechar o sábado 25 de xaneiro e afectará a 17 traballadores, algúns con máis de 25 anos de antigüidade na firma. A proposta da empresa é recolocar ao persoal noutros establecementos da provincia

Massimo Dutti en Benito Corbal
Massimo Dutti en Benito Corbal / PontevedraViva

Inditex iniciou este xoves as negociacións para acometer o peche da tenda Massimo Dutti situada na rúa Benito Corbal de Pontevedra.

A primeira xuntanza, celebrada esta mañá en Vigo entre representantes da empresa e o comité de traballadores, terá continuidade o vindeiro martes 14.

A multinacional presentou o expediente de peche citando dous motivos principais: un descenso progresivo nas vendas e, principalmente, a suba do contrato de aluguer do local onde se atopa situada a tenda no centro da cidade, segundo indicaron os representantes da empresa durante a negociación.

Segundo explicou Raquel Martí, delegada da CIG, a decisión afecta a 17 traballadores, algúns con máis de 25 anos de antigüidade.

O establecemento, que ocupa dúas plantas nunha das zonas comerciais máis emblemáticas da cidade, cesará a súa actividade o vindeiro sábado 25 de xaneiro.

A empresa comunicou a súa intención de reubicar a todo o persoal noutras tendas da provincia de Pontevedra, aínda que os sindicatos esixirán que as recolocacións se realicen especificamente na cidade.

Tenda de Massimo Dutti
Tenda de Massimo DuttiPontevedraViva

Este peche súmase a outros recentes peches de Inditex na cidade, como as tendas de Uterqüe e Bershka.

Casualmente, a decisión tamén se produce meses despois de que se paralizara o proxecto dun gran centro comercial de Zara, que a empresa planeaba no edificio situado entre as rúas Michelena e Gutiérrez Mellado.