O subdelegado do Goberno pide máis cooperación con Costas para avanzar na reversión dos terreos portuarios

Pontevedra
15 de xaneiro 2025

O subdelegado do Goberno remitíu cartas aos alcaldes para que esixan que nas xuntanzas con Portos de Galicia estean tamén técnicos do Servizo Provincial de Costas

Abel Losada, subdelegado do Goberno en Pontevedra
Abel Losada, subdelegado do Goberno en Pontevedra /

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, vén de remitir unha carta aos alcaldes dos municipios con instalacións de Portos de Galicia para pedirlles que esixan que nas xuntanzas que está a organizar para a reversión dos terreos portuarios innecesarios cos concellos da provincia participen tamén os técnicos do Servizo Provincial de Costas, dado que se trata dun trámite que afecta ás tres Administracións.

"Se o que se quere é atender ao interese xeral e ao servizo público toca comportarse con máis lealdade e practicar a cooperación institucional en lugar de buscar continuamente a confrontación", sinalou, dirixíndose ao ente público adscrito á Consellería do Mar.

Abel Losada remitiu o escrito aos alcaldes e alcaldesas de Pontevedra, Cambados, Vilanova de Arousa, Vilagarcía, Illa de Arousa, Bueu, Marín, O Grove, Poio, Sanxenxo, Soutomaior, Vilaboa, Baiona, Cangas, A Guarda, Moaña, Nigrán, Pontecesures, Redondela, Tomiño, Vigo e Tui e e tamén ao presidente de Portos de Galicia.

Na carta expresa a "disconformidade" coa celebración de xuntanzas a dúas bandas para falar dun procedemento administrativo que afecta a tres Administracións.

Ademais, explica que os terreos portuarios innecesarios "van ser devoltos a Costas e non aos concellos".

Por tanto, volven formar parte do Dominio Público Marítimo Terrestre (DPMT) e ao Estado correspóndelle, a continuación, un proceso de desafectación do dominio público e a cesión indefinida aos concellos, trámites que involucran a dous ministerios e que finalizan cunha publicación no Boletín Oficial do Estado.

"O lóxico é que, se se quere avanzar e non xerar expectativas apresuradas, nesas xuntanzas estean tódalas partes", insiste Losada.

Por último, o subdelegado aplaude que Portos de Galicia teña dado este paso dado que en moitas ocasións afectan a terreos incorporados á trama urbana e polos que Portos cobraba taxas de ocupación na organización de eventos municipais, a pesar de que os concellos corrían co mantemento ordinario.