O subdelegado do Goberno pide "non alarmar innecesariamente á poboación" tras a protesta das colectivo Fulanas

Pontevedra
08 de xaneiro 2025
Actualizado: 21:46

Abel Losada insiste en que "até onte non existían denuncias que constasen como agresións sexuais na cidade" e matiza que o exhibicionismo "non é constitutivo de delito segundo o Código Penal"

Abel Losada
Abel Losada / Mónica Patxot

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, reaccionou este mércores á concentración de protesta convocada polo Colectivo Transfeminista Fulanas ante a Comisaría Provincial e pediu "non alarmar innecesariamente a poboación".

Tras a concentración, á que acudiron entre 40 e 50 persoas, o subdelegado quixo realizar "algunhas apreciacións".

A primeira foi para dar o seu "apoio incondicional ás asociacións feministas" e ao papel do feminismo á hora de "materializar, conquistar os dereitos das mulleres".

Tras deixar claro ese apoio, e en resposta ás denunias das colectivo Fulanas de que nos últimos días se produciron na cidade unha agresión sexual na Parda e varios episodios de índole sexual protagonizados por un exhibicionista, Losada insistiu en que "até onte non existían denuncias que constasen como agresións sexuais na cidade de Pontevedra".

Así, fontes policiais afirman que o ocorrido na Parda denunciouse primeiro como intento de roubo e lesións e logo ampliouse como agresión sexual. Desde Fulanas insisten en que si que hai unha denuncia xa recoñecida como agresión sexual, pero o subdelegado insiste en que, até onte, non había denuncias desas características, "nin unha, nin dúas, ningunha delas".

Losada si recoñeceu que se produciron denuncias polo caso dun exhibicionista que mostraba os seus xenitais a mulleres. Desde Fulanas indican que tres mulleres denunciaron este mércores e que teñen constancia dun total de 12 vítimas, aínda que o resto non denunciaron.

O subdelegado insiste en que a actuación deste exhibicionista é un feito que "non é constitutivo de delito segundo o Código Penal, salvo que haxa por medio violencia ou presenza de menores".

Ademais, lembra que estamos nun estado de dereito e sinala que a Policía ten identificado a este sospeitoso e "será detido en canto sexa posible en termos legaies".

En todo caso, e tras as afirmacións de Fulanas, Losada insiste en que "convén, en todo caso, non perder o foco e, sobre todo, non alarmar innecesariamente a poboación".

Ademais, destaca o subdelegado que Pontevedra é unha cidade de 85.000 habitantes na que, "por suposto, poueen ocorrer acontecimentos deste tipo", pero que é "extremadamente seguras" e quere "trasladar unha mensaxe de tranquilidade ás mulleres que viven na cidade e na provincia".

Por último, nun audio remitido aos medios, Losada defendeu o traballo policial. As colectivo Fulanas móstrase moi crítica coa Policía Nacional e custiona a súa actuación en relación coas vítimas de delitos sexuais, pero o subdelegado agradece o traballo tanto da Policía Nacional como da Garda Civil "na protección dos dereitos das mulleres".