Stop Accidentes conmemora con escolares de Sanxenxo o día en recordo ás vítimas de sinistros de tráfico

Sanxenxo
17 de novembro 2023

No acto que tivo lugar no CEIP da Florida os escolares participaron na plantación dunha árbore no patio como símbolo de vida

Acto de Stop Accidentes no CEIP A Florida
Acto de Stop Accidentes no CEIP A Florida / Concello de Sanxenxo

Escolares de Infantil e Primaria do colexio da Florida participaron este venres nun acto organizado por Stop Accidentes para conmemorar o Día Mundial en Recordo ás Vítimas de Sinistros de Tráfico que terá lugar o vindeiro domingo. 

O alumnado colaborou na plantación dunha árbore, un aligustre doado polo Concello, no patio do centro como símbolo de vida e en memoria das vítimas.

"Sanxenxo leva anos sementando educación vial e hoxe plantamos unha árbore como símbolo da vida", explicou Sandra Pérez, representante de Stop Accidentes, sinalando que "ata o de agora en Galicia este acto só se facía na Coruña e creo que Sanxenxo que é punteiro en educación vial tamén debe telo. A idea é facelo cada ano nun centro educativo".

No acto, ao que asistiron os concelleiros Yago Torres, Nati Parada e Xoán Pérez xunto ao policía local Abelardo Martínez, contou coa presenza do 'Poli Paco' para falarlle ao alumnado da importancia da vida e do cumprimento das normas de tráfico para preservala. 

Todo nun centro educativo como o CEIP A Florida que está "moi implicado coa educación viaria e ten incluso un circuíto viario na entrada do centro e fanse moitas actividades".