#SoyMujerSoyDeporte, campaña do alumnado do campus para resaltar a presenza da muller no deporte

Pontevedra
06 de febreiro 2019

A proposta parte da Asemblea Nacional de Estudantes de Ciencias da Actividade Física e do Deporte. Consiste na venda de pulseiras e na publicación de vídeos e fotografías nas redes sociais

David Álvarez, Matías Zelarayán, Isabel Noya e Xoel Souto, amosan carteis e pulseiras da campaña
David Álvarez, Matías Zelarayán, Isabel Noya e Xoel Souto, amosan carteis e pulseiras da campaña / DUVI

Un grupo de estudantes da  Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte comercializa pulseiras e difunde vídeos nas redes sociais co obxectivo de recadar fondos que se destinarán á Asociación Mulleres no Deporte Profesional. Este colectivo busca eliminar as desigualdades existentes na actividade deportiva. Sen ir máis lonxe, das 700.000 deportistas federadas que existen en España só 1.316 son profesionais.

Trátase do segundo ano consecutivo en que o campus de Pontevedra colabora coa campaña #SoyMujerSoyDeporte, que promove a Asemblea Nacional de Ciencias da Actividade Física e do Deporte (Anecafyde), con motivo dos actos previstos para a celebración do 8 de marzo.

Durante os primeiros días, segundo recolle o DUVI, xa se venderon o 70% das 3.000 pulseiras co lema da campaña e que teñen un prezo de 1,50 euros dos que 50 céntimos destínanse á Asociación Mulleres no Deporte Profesional.

En redes sociais, a organización propón subir un vídeo ou fotos a  Instagram, Facebook ou Twitter co lema da campaña e tamén mostrando a pulseira.

A  Anecafyde desenvolverá do 27 ao 31 de marzo en Ciencias da Educación e  do Deporte a súa décimo oitava asemblea con talleres e mesas de debate con temas relacionados coa titulación de Ciencias da actividade física e do deporte.