Soutomaior organiza unhas xornadas sobre recursos naturais e sostibilidade

Soutomaior
11 de novembro 2024

Serán este sábado 16 e domingo 17 de novembro na Casa da Cultura Rexina Míguez Noval

Charo Bouzón e Manu Lourenzo
Charo Bouzón e Manu Lourenzo / Concello de Soutomaior

O alcalde de Soutomaior, e a concelleira de Comunidades, Charo Bouzón presentaron as I Xornadas sobre recursos naturais e sostibilidade, que se desenvolverán esta fin de semana na Casa da Cultura Rexina Míguez Noval.

A finalidade desta xornadas é a sensibilización e formación para un aproveitamento racional e sostible dos recursos naturais.

A partir de investigacións punteiras, de experiencias de acción colectiva e, da man de persoas expertas, debatirán sobre a xestión sostible dos montes, sobre as comunidades enerxéticas e sobre outros moitos temas que aportarán ideas para implantar esas boas prácticas no municipio.

Haberá coloquios, unha saída micolóxica, obradoiros, magosto e música.

Esta é a última acción do "proxecto Mancomún" que ten como fin dinamizar e poñer en valor os recursos naturais e medioambientais a través da participación comunitaria.

Así deste xeito o sábado 16 de novembro haberá unha saída micolóxica con MycoGalicia Plantae onde ensinarán a identificar a tipoloxía de cogomelos, aprender a recolectar, coñecer curiosidades e usos e a normativa.

O domingo 17 de novembro, ás 11:00 horas, será a apertura por parte do alcalde desta xornada e posterior mesa redonda "A xestión sostible do monte" onde se exporán as liñas de investigación e control das especies invasoras.

Os modelos de participación cidadá no desenvolvemento local tamén estarán presentes tomando como referencia a xestión da Comunidade de montes de Couso que constitúe un dos exemplos máis representativos no sur de Pontevedra. Falarase ademais da xestión das xuntas reitoras das comunidades de montes, da silvicultura preventiva de incendios forestais e explorarán o concepto de Custodia do Territorio para a restauración ambiental sostible.

Ás 11:15 terá lugar o obradoiro "Estruturas vivas: construción de valados vexetais" para dar paso, a continuación, ao coloquio "Autoconsumo e comunidades enerxéticas". Ás 13:00 horas o protagonista será o obradoiro "Arborea" para a creación dun caderno de árbores autóctonas e bombas de sementes.

Xa pola tarde, ás 16:30 horas, a xornada retomarase cunha charla sobre "Os coutos micolóxicos" e exposición micolóxica, co obradoiros de "cultivo de cogomelo en troncos" e "collage de cogomelos".

Ás 18:00 horas a protagonista será a presentación "O couto de Eirexiña" e o final destas xornadas chegará da man dun magosto e música en directo a cargo da Curtidoira.

Para os obradoiros da xornada, todos eles de balde, precísase inscrición previa que xa se poden facer en www.gabinetesoutomaior.com