Soutomaior segue facilitando o acceso á lectura co proxecto Bibliofogar

Soutomaior
22 de febreiro 2024

Durante o ano pasado logrouse duplicar o número de usuarios deste servizo que presta a biblioteca municipal

A concelleira Silvia Cernadas reunida con colectivos do municipio de Soutomaior
A concelleira Silvia Cernadas reunida con colectivos do municipio de Soutomaior / Concello de Soutomaior

O Concello de Soutomaior mantén un ano máis o proxecto Bibliofogar co que se pretende facilitar o acceso á lectura para aquelas persoas do municipio que teñan dificultades de mobilidade ou que por diversas circunstancias non poidan achegarse á biblioteca.

Trátase dun servizo que presta a biblioteca municipal Luis Seoane desde 2021. Bibliofogar conta cunha furgoneta equipada con acceso a internet, computador, mobiliario e material da biblioteca, que se despraza ata os domicilios, centros de maiores ou locais veciñais.

Así, ademais de chegar aos domicilios das persoas interesadas, está a prestarse servizo nos centros de día Soutomaiores, Boas Apertas e ao Centro Cultural Val-Sobral. Previamente aos desprazamentos analízanse os libros que poden resultar de interese para estes usuarios e seleccionan as súas demandas.

A concelleira de Cultura, Silvia Cernadas, sinalaba durante a reunión que mantiña con asociacións culturais e veciñais de Soutomaior que este servizo "duplicou o ano pasado o número de libros prestados respecto a 2022, pero queremos seguir ampliando o medio centenar de persoas usuarias e levalo a máis barrios do concello, sobre todo en relación á parroquia de Soutomaior, onde a poboación está moito máis dispersa e onde hai un gran número de maiores".