Soutomaior remata as obras de saneamento no barrio de Veigas do Monte

Soutomaior
16 de xullo 2024

O alcalde e o concelleiro de obras visitaron nesta xornada Veigas do Monte, en Arcade, para coñecer de primeira man o resultado dos traballos desenvoltos nas últimas semanas e xa rematados ao abeiro do proxecto para dotar de saneamento a este barrio do concello

Manu Lourenzo e Pablo Garrido cun contador eléctrico
Manu Lourenzo e Pablo Garrido cun contador eléctrico / Concello de Soutomaior

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e o concelleiro de Obras e Urbanismo, Pablo Garrido, achegáronse a Veigas do Monte, en Arcade, para coñecer de primeira man o resultado final dos traballos desenvoltos nas últimas semanas ao abeiro do proxecto para dotar de saneamento a este barrio.

Os traballos xa finalizados contaron cun investimento de máis de 68.000 euros e foron executados pola empresa Caldevergazo.

Un traballos que consistiron no bombeo en máis de 300 metros deste barrio, un novidoso sistema que permitirá un mellor tratamento das augas residuais do barrio, xa que conta cun mecanismo que separa aqueles restos que non poden ser tratados. Un servizo que tal e como dixo este martes o alcalde, Manu Lourenzo, "permitirá que moitas casas e parcelas contar cun servizo de saneamento moderno e acorde aos tempos actuais neste barrio de Arcade".

Ademais, tamén se conectou un novo grupo de domicilios do barrio á rede de saneamento, polo que cada vez máis son as casas adheridas a esta rede.

O obxectivo do goberno local é seguir ampliando nos vindeiros anos a rede de saneamento de Veigas do Monte para que a práctica totalidade da veciñanza conte con esta rede.

Como mellora nestas obras tamén se realizou un sobreancho de asfaltado e o acceso a varias vivendas deste barrio.