Soutomaior reforzará en 2024 o servizo de limpeza e roza nas rúas do municipio

Soutomaior
26 de outubro 2023

O goberno municipal de Soutomaior púxose mans á obra para solucionar as carencias existentes no servizo de limpeza, incapaz de asumir todos estes labores de mantemento. Os contratos elaborados polo anterior goberno rematasen en setembro, deixando só tres operarios dispoñibles

Pablo Garrido, tenente de alcalde en Soutomaior, co alcalde Manu Lourenzo
Pablo Garrido, tenente de alcalde en Soutomaior, co alcalde Manu Lourenzo / Concello de Soutomaior

O goberno municipal de Soutomaior púxose mans á obra para solucionar as carencias existentes no servizo de limpeza, incapaz de asumir todos estes labores de mantemento.

O primeiro paso dado polo Concello foi a sinatura dun contrato de tres meses coa empresa Cogami para reforzar con persoal local o servizo de limpeza das rúas.

Este contrato, que entra en vigor a semana que vén, ten por obxectivo suplir as carencias existentes no servizo de limpeza, despois de que os contratos elaborados polo anterior goberno rematasen en setembro, deixando só tres operarios dispoñibles.

"A situación coa que nos atopamos era insostible, cun servizo de limpeza totalmente eivado e incapaz de facer fronte de maneira correcta á situación", subliñou o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, que avanza que de cara ao ano que vén reforzarase este servizo.

A intención é contar durante todo o ano con máis dunha decena de operarios que desenvolvan diferentes tarefas de mantemento en Soutomaior, relacionadas principalmente coa limpeza de rúas e os desbroces.

O obxectivo do goberno é "normalizar" a situación do servizo de limpeza de rúas contratando persoal que traballe durante todo o ano e seguir traballando para que, segundo Lourenzo, "no futuro isto non volva pasar".