Soutomaior presume de superávit e de ter máis de 3 millóns a disposición para investimentos

Soutomaior
15 de marzo 2025

O orzamento municipal superou o ano pasado os 8,2 millóns de euros e o Concello mellora nun ano todos os indicadores económicos

Manu Lourenzo, alcalde de Soutomaior
Manu Lourenzo, alcalde de Soutomaior / Concello de Soutomaior

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, deu conta da xestión económica do goberno local que, segundo indicou, conseguiu en apenas 12 meses que o Concello volva ter superávit e dispor de máis de 3 millóns de euros para investimentos en obras e proxectos.

Os informes de intervención e da secretaria municipal ao peche da liquidación de 2024 apuntan que Soutomaior chegou en 2024 aos 8,2 millóns de euros de orzamento definitivo, o máis alto da súa historia.

O alcalde di que estes informes referendan a xestión económica do seu goberno no primeiro ano completo de mandato.

"Nos últimos 12 meses, Soutomaior mellorou todos os indicadores económicos e cumpriu por primeira vez en anos as tres regras fiscais que rexen a economía dos concellos (déficit, débeda e regra de gasto)", sinalou.

A última liquidación elaborada polos servizos técnicos municipais mostra que a xestión económica do goberno de Soutomaior desde o comezo do actual mandato reverteu a situación despois de varios anos nos que os gastos do Concello eran superiores aos ingresos, chegando aos máis de 432.000 euros negativos en 2022.

Co orzamento de 2024, o primeiro do actual goberno local, Soutomaior saneou as súas contas e alcanzou un superávit ao peche do orzamento de máis de 70.000 euros.

O alcalde de Soutomaior sinalou que "cando entramos no goberno comezamos a traballar en mellorar a situación económica, aplicando un rigoroso control de gastos e levando a cabo unha xestión económica baseada na seriedade e a responsabilidade".

O rexedor agradeceu "o traballo de todo o equipo de goberno e das traballadoras municipais para mellorar a xestión económica, que permitiu incrementar notablemente o gasto por habitante sen subir taxas nin impostos, agás aqueles que estivesen suxeitos ao imperativo legal".

Lourenzo asegurou que "hoxe en Soutomaior os nosos veciños e veciñas contan con máis e mellores servizos, unha axenda de actividades máis ampla e máis investimentos en obras e proxectos, ao tempo que o aforro en tesourería se elevou até case os 2 millóns de euros".