Soutomaior, Vilanova de Arousa, Cambados e Ponte Caldelas sitúanse no nivel alto de restricións despois de que o comité clínico analizase a súa situación durante a tarde deste martes 9 de marzo. Deste grupo de municipios da área sanitaria só Soutomaior rebaixou o nivel pasando do máximo a alto. O resto mantense na mesma situación na que se atopaban durante os últimos días e por tanto continuarán todos eles perimetrados.
Estas catro localizacións forman parte dun grupo de trece concellos entre os que se atopan Mos, Guitiriz, Lourenzá, Chantada, Mugardos, Cariño, Arteixo, Miño e Sobrado, que terán este nivel alto de restricións ata a próxima reunión do comité clínico no que se realice un novo seguimento da evolución do covid en Galicia.
Os municipios que terán o nivel de restricións máximas en Galicia serán os de Paradela, A Pobra de Brollón, Boborás, A Mezquita, Vilardevós e Pontecesures.
O resto de concellos, segundo indican desde a consellería de Sanidade, permanecerán nun nivel medio. As medidas entrarán en vigor ás 00.00 horas deste venres 12 de marzo.
Este mércores, o conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña explicará nunha rolda de prensa os detalles destas decisións e ofrecerá tamén información sobre a campaña de vacinación para persoas con idades comprendidas entre os 50 e 55 anos.