O Concello de Soutomaior pon en marcha o Plan Ría Viva co fin de acabar coa "caótica" rede de separativas de pluviais e de fecais na que se mesturan as augas provocando verteduras contaminantes á ría de Vigo e a saturación da estación depuradora que con episodios de choiva forte colapsa ao recibir un forte caudal de auga.
O goberno local leva varios meses a traballar para resolver estes problemas que se orixinaron ao longo das últimas décadas.
Agora comezan as primeiras obras cun investimento de máis de 100.000 euros no tramo que vai dende a Alameda de Talo Río ata Cagazó coa separativa da rede de pluviais, e será en setembro, cando de comezo o segundo tramo que vai dende Roxelio Landeiro a Ponte Sampaio.
O Plan Ría Viva é un proxecto para o que o Concello solicita colaboración de diferentes administracións, como a Xunta de Galicia, xa que algunhas das actuacións que se van a levar a cabo discorren por infraestruturas que son competencia destas administracións como a depuradora, da Xunta e do Ministerio de Fomento.
O concelleiro de obras Pablo Garrido destacou que "agora mesmo a situación da rede de saneamento supón un dos principais retos que ten o concello de Soutomaior por diante na vindeira década. É urxente poñerlle solución a un saneamento caótico que esixirá dos esforzos e achegas de todos".
En relación a este Plan o alcalde, Manu Lourenzo, dixo que "a Ría de Vigo é un dos grandes tesouros da nosa contorna, o modelo de saneamento que se levou a cabo en Soutomaior durante décadas está a provocar situacións que debemos abordar con urxencia e seriedade. O Plan Ría Viva é unha iniciativa que pretende coidar a ría e apostar polo medio ambiente".