O Concello de Soutomaior unirase a outros cinco municipios para integrar a agrupación Oitavén-Tea de Protección Civil.
Este colectivo, que une aos concellos de Covelo, Mondariz, Mondariz Balneario, A Lama y Fornelos de Montes, fortalecerá este servizo cun incremento de recursos e persoal, ademais de supoñer unha mellora nas intervencións de colaboración coa veciñanza.
A Dirección Xeral de Emerxencias recomenda ao goberno local disolver a actual corporación de Protección Civil, acto que se acometerá no próximo pleno municipal, segundo avanza o goberno local. Con esta decisión poderase integrar posteriormente na agrupación Oitavén-Tea.
Os concellos integrantes aprobarán os novos estatutos da agrupación, que ten o obxectivo de favorecer a súa eficacia nas accións que desenvolvan e será coordinada directamente por esta asociación municipal.
Renovarase o equipamento do servizo no Concello de Soutomaior e mellorarase o rendemento de Protección Civil cun menor custo. A nova agrupación contará con profesionais con ampla formación no sector de emerxencias contratado a tempo completo.
Manu Lourenzo, alcalde de Soutomaior, recoñece que Protección Civil realiza un "importante papel" no municipio e por iso leva a cabo esta aposta por mellorar a prestación dos seus servizos.
Desde o Concello sinalan que Protección Civil continuará sendo municipal, pero este cambio permitirá traballar con autonomía e, ao mesmo tempo, establecer unha estreita colaboración coa Dirección Xeral de Emerxencias da Xunta.