Soutomaior humanizará a Praza da Aldea, creando un núcleo de centralidade en Arcade de Riba

Soutomaior
05 de febreiro 2024

A reforma consistirá na creación dun núcleo de centralidade no barrio, poñendo en valor todo o conxunto arquitectónico formado polos muros de mampostería, cruceiros, edificacións e outros elementos que xa forman parte da Praza da Aldea, respectando a esencia que o caracteriza

Proxecto de reforma para a Praza da Aldea
Proxecto de reforma para a Praza da Aldea / Concello de Soutomaior

O goberno municipal de Soutomaior avanza na transformación urbana que proxecta en todo o municipio. Tras presentar a reforma que impulsará na Praza da Pedreira, agora avanza os detalles de como será a futura Praza da Aldea, en Arcade de Riba.

O obxectivo desta actuación, segundo explicou o alcalde, Manu Lourenzo, é poñer en valor o espazo dun dos barrios históricos do concello, ao tempo que se aposta por un modelo "coidado, moderno, agradable, accesible e respectuoso coa esencia do barrio".

A reforma suporá a creación dun núcleo de centralidade no barrio, poñendo en valor todo o conxunto arquitectónico formado polos muros de mampostería, cruceiros, edificacións e outros elementos que xa forman parte da Praza da Aldea, respectando a esencia que o caracteriza. 

Así, consistirá na pavimentación con pedra do país de toda a praza. Ademais, levarase a cabo o arranxo do acceso á praza con pedra e formigón, e dotarase toda a zona con mobiliario urbano, como aparcadoiros, bancos e árbores, que farán da Praza da Aldea un espazo agradable. 

O proxecto está realizado por Aránzazu Paz López e Jose Manuel García Paz, arquitectos de DSÑ Arquitectura. A obra licitarase no primeiro semestre deste ano e as obras comezarán antes do remate de 2024, segundo detallou o rexedor de Soutomaior.

Lourenzo sinalou que este proxecto "segue a nosa liña de traballo para que Soutomaior avance na posta en valor do rural, dando un paso máis para sacarlle todo o proveito a ese inmenso potencial que temos no municipio".