Soutomaior homenaxea a Marisol Santomé, matrona en Arcade durante case dúas décadas

Soutomaior
16 de marzo 2025

Este evento formaba parte da programación conmemorativa do 8M, Día da Muller, que este ano, baixo o lema 'Matronalia', centra o seu foco na visibilización e recoñecemento da figura da matrona

Marisol Santomé coa súa filla e os seus netos
Marisol Santomé coa súa filla e os seus netos / Concello de Soutomaior

Marisol Santomé, matrona no centro de saúde de Arcade durante case vinte anos, foi recoñecida co premio 'María das Mil Flores', que entregou o Concello de Soutomaior no marco da súa programación conmemorativa do 8M, o Día da Muller.

Nun ateigado multiusos, toda a vila homenaxeou unha muller que estará sempre presente na vida de milleiros de mulleres do municipio, ás que axudou desde o seu labor como matrona no sempre complicado proceso de formar una familia.

Ela mesmo viu entre o público moitas caras coñecidas, xa que foron moitas as mulleres que quixeron volver a reencontrarse con Marisol, unha profesional sanitaria que deixou pegada en centos de mulleres no concello, onde é moi querida e valorada.

A concelleira de Igualdade, Rosana Martínez Boullosa, quixo agradecer o papel de Marisol "por ser unha máis, polo teu acompañamento, por estar sempre con paz e calma en momentos de nerviosismo, e por axudarnos a atopar o mellor camiño da vida".

A homenaxeada, visible emocionada, dedicou a súa intervención á súa nai, que faleceu hai 15 meses, e á súa filla que estaba presente no Multiúsos.

"Elas o son todo na miña vida, elas e os meus tres netos, grazas por este cariño. Non sabedes todo o que significa para min o cariño que hoxe estou recibindo", destacou.

Este evento formaba parte da programación do 8M que este ano, baixo o lema 'Matronalia', centra o seu foco na visibilización e recoñecemento da figura da matrona.

Así, este acto comezou coa actuación da artista local Lorena Reinaldo e incluíu un faladoiro coordinado por Paula Conde, actual matrona no centro de saúde de Arcade, e que contou coa participación de Xela González, da Asociación Galega de Matronas, e da propia Marisol Santomé.

Xela González, Marisol Santomé e Paula Conde, as matronas protagonistas do faladoiro
Xela González, Marisol Santomé e Paula Conde, as matronas protagonistas do faladoiroConcello de Soutomaior

Nel, estas tres matronas fixeron un repaso pola evolución da súa profesión, un dos primeiros traballos feministas, posto que sempre as matronas estiveron para apoiarse, defender as mulleres e axudalas con moitos diagnósticos pero, sobre todo, no proceso de dar a luz.

Esta programación do 8M seguirá viva cos dous obradoiros que ofrece, un deles baixo o nome de "Climatéricas" e outro sobre o chan pélvico, que se celebrarán durante as próximas semanas no Centro de Benestar Integrado. Ambos son de balde para as persoas interesadas.