Soutomaior compra terreos na contorna dos muíños de Daión e da Casa do Concello

Soutomaior
12 de marzo 2025

O Concello investirá preto de 200.000 euros na recuperación dos muíños de Daión e 240.000 euros no arranxo do salón de plenos e na creación dun núcleo de centralidade na contorna da casa consistorial

Terreos incorporados ao inventario municipal do Concello de Soutomaior
Terreos incorporados ao inventario municipal do Concello de Soutomaior / Concello de Soutomaior

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, firmou esta semana na notaría a documentación pola que se incorporan ao inventario municipal dúas fincas situadas na contorna dos muíños de Daión e outras dúas situadas na contorna da Casa do Concello.

"Seguimos avanzando na nosa folla de ruta para a transformación dos barrios do noso concello", valorou o rexedor.

Tal e como sinalou Manu Lourenzo, esta sinatura supón un paso fundamental nos plans do goberno local para a recuperación do conxunto etnográfico dos muíños de Daión e a creación dun núcleo de centralidade a carón da Casa do Concello.

O alcalde agradeceu a disposición da veciñanza implicada para que o Concello poida contar canto antes con estes terreos e avanzar na transformación de ambos os dous espazos.

O goberno de Soutomaior ten xa desde o ano pasado sobre a mesa un proxecto para a recuperación do conxunto etnográfico dos muíños de Daión, así como a contorna do barrio  da Devesa e a Xunqueira de Arcade.

Este proxecto inclúe a incorporación de mobiliario integrado con materiais nobres, creando espazos de lecer na zona para o uso e desfrute da veciñanza.

O goberno local ten previsto realizar un investimento aproximado de 200.000 euros que agarda poder financiar con fondos europeos, coa vista posta en que a recuperación dos muíños de Daión sexa unha realidade a mediados de 2026.

En canto á Casa do Concello, o executivo local presentou o pasado mes de xaneiro un proxecto para o arranxo do salón de plenos municipal e a creación dun núcleo de centralidade na contorna da casa consistorial, humanizando o espazo e incluíndo elementos de mobiliario urbano, como bancos e árbores, cun investimento aproximado de 240.000 euros.

Manu Lourenzo lembrou que os muíños de Daión son un dos conxuntos etnográficos con maior valor de Soutomaior "e a Casa do Concello é o punto de unión de todos os veciños e veciñas do concello".

"É por iso que avanzar nestas actuacións supón un importante paso para a transformación rural de Soutomaior", destacou.