Soutomaior arranxará a estrada de acceso a Cortellas

Soutomaior
27 de maio 2024

O proxecto está á espera unicamente dun informe de Augas de Galicia para saír a licitación nas vindeiras semanas, polo que o goberno local espera poder comezar coas obras canto antes

Casa do Concello de Soutomaior
Casa do Concello de Soutomaior

O goberno local de Soutomaior xa ten sobre a mesa o proxecto para levar a cabo o arranxo na estrada que dá acceso ao barrio de Cortellas desde o Val-Sobral, despois de que se viñese abaixo no pasado mes de novembro parte do noiro natural nun corremento de terras producido polas riadas. Desde o momento mesmo do sinistro, o goberno púxose a traballar para atopar unha solución que garantise a seguridade dos transeúntes e a reapertura do tráfico nesta estrada.

Así, Soutomaior investirá case 75.000 euros de fondos propios neste proxecto, despois de que a Deputación de Pontevedra se negase a facerse cargo desta actuación a través da súa liña de axudas de emerxencia. O proxecto foi redactado por Bercal. Consultoría Ingeniería Medioambiente, e está á espera de a Augas de Galicia envíe o informe de aprobación definitivo.

O concelleiro de Obras, Pablo Garrido, explicou que a actuación prevista na estrada de Cortellas ten por obxectivo estabilizar o noiro coa construción dun muro de contención de 14 metros de lonxitude, 5,5 metros de altura máxima e 1,2 metros de ancho. O goberno local de Soutomaior espera licitar o proxecto nas vindeiras semanas, co obxectivo de poder comezar coas obras canto antes e que a estrada volva estar aberta ao tráfico.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que "no momento no que tivo lugar a escorrentía, a nosa principal preocupación foi garantir a seguridade da veciñanza, e por iso nos puxemos nese mesmo momento a traballar para buscar a mellor solución". 

"Foron varios meses de traballo cos técnicos e a enxeñería, e agora que o proxecto xa é unha realidade, agardamos que Augas de Galicia dea o visto bo definitivo canto antes para poder levar a cabo a obra e que o barrio de Cortellas volva á normalidade" dixo o alcalde que agradeceu "a paciencia e colaboración de toda a veciñanza" do concello que habitualmente empregaba esta estrada "e que moi pronto poderán volver facer uso dela con total normalidade", concluíu Manu Lourenzo.