Desde o Concello de Soutomaior queremos adaptarnos aos novos criterios de xestión de residuos que nos indican tanto desde Europa como desde a propia Xunta de Galicia.
Case a metade do lixo que producimos nas nosas casas é materia orgánica, por iso para cumprir coa lexislación vixente é moi importante que reactivemos a campaña de divulgación e información no casco urbano para a recollida da fracción orgánica a través da implantación do colector marrón no casco urbano de Arcade e que fagamos un novo reparto de composteiros para as vivendas do noso rural.
Aquelas familias que voluntariamente queiran colaborar, poderán dirixirse ao stand que estará ubicado nas rúas de Arcade nas vindeiras datas e solicitar a súa alta como colaborador e a chave para abrir o colector.
O colector marrón ten como uso exclusivo a recollida de residuos orgánicos, comezouse coa instalación de colectores na área de Arcade a finais do 2023, polo que despois de analizar os datos, o Concello decide ampliar agora este servizo. Queremos ser mais sostibles e iso so será posible coa implicación de toda a cidadanía, por iso queremos facer unha chamada á participación das familias de Arcade neste ilusionante e necesario proxecto.
Súmate ao voluntariado marrón. Buscamos familias e persoas concienciadas
Poderán dirixirse á carpa de "Ti tes a Chave" que se colocará nas rúas de Arcade, e solicitar información os días 30 e 31 de outubro en horario de 10.30 a 13.30 e de 15.30 a 18.30h, haberá moitas mais accións informativas a pé de rúa nas vindeiras semanas e meses, xa que este é un proxecto que ven para quedarse.
Para facer uso deste colector é preciso ter unha chave, a cal se poderá recoller nese mesmo posto informativo, xunto coa chave proporcionarase un cubo de 10 litros, bolsas compostables e un folleto informativo para facer un bo uso do colector.
Non só serán as vivendas o obxectivo desta campaña, tamén o serán os establecementos que produzan residuo orgánico, tales como bares, restaurantes, froitarías, peixarías, carnizarías…. aos cales se lle realizará unha visita informativa sobre a campaña e se lle tramitará a súa alta como establecemento colaborador no programa.
O Concello de Soutomaior ten previsto iniciar dentro desta campaña actividades dirixidas aos Centros Educativos. O obxectivo principal é o fomento da reciclaxe nas escolas de Soutomaior, cunha serie de accións en horario lectivo, dirixidas principalmente aos nenos e nenas de Educación Primaria.
Solicita gratuitamente un composteiro para a túa vivenda
O Concello de Soutomaior entregará 135 composteiros en vivendas unifamiliares. Se resides nunha vivenda illada que conte cunha parcela ou horta dun mínimo 25 m2 podes solicitalo gratuitamente, ben chamando ao teléfono do Concello 986 705 106 (ext. 01) ou ben a través dun formulario online que se habilitou na web municipal (www.soutomaior.gal).
O composteiro que se entregará, ten capacidade para 400 litros, debe situarse no exterior da vivenda, nunha zona sombreada e protexida das inclemencias meteorolóxicas, preferiblemente baixo unha árbore de folla caduca e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores.
O obxectivo da compostaxe é que a autoxestión da materia orgánica se erixa como unha práctica habitual nas zonas máis dispersas, dadas as súas incuestionables vantaxes ambientais, económicas e sociais.
Trátase, en definitiva, de recuperar unha tradición asentada no rural galego, como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost, pero dunha forma máis óptima, hixiénica, cómoda e eficiente.
Que residuos se deben meter neste colector e/ou composteiro doméstico?
En canto aos residuos que deben ir neste colector marrón son: os restos de froita, verdura, carne e peixe, cunchas de mariscos ou froitos secos, restos de pan, café, infusión, papel de cociña, restos de plantas, cortizas, en definitiva, calquera resto orgánico. Ademais, nos composteiros domésticos poderemos incorporar materia seca procedente da poda de árbores frutais, restos vexetais en xeral das hortas ou xardíns.
Pola contra, o que nunca debe depositarse nestes colectores é: envases, cueiros, compresas, bastonciños dos oídos, plásticos e outro tipo de residuos non orgánicos.
Un Soutomaior máis sostible é cousa de todos e todas, moitas grazas por colaborar.