Soutomaior amplía as bonificacións para as súas actividades

Soutomaior
27 de marzo 2025
Actualizado: 18:50

Modificáronse as ordenanzas que regulan as actividades deportivas, de promoción da igualdade e as de lecer e tempo libre

Casa do Concello de Soutomaior
Casa do Concello de Soutomaior

O Concello de Soutomaior vai ampliar as bonificacións que actualmente aplica para as súas actividades co obxectivo de facilitar o acceso a toda a veciñanza.

Para facer efectiva a ampliación destas bonificacións, modificáronse as ordenanzas que regulan as actividades deportivas, de promoción da igualdade e as de lecer e tempo libre.

Para que estes cambios estean vixentes, as modificacións foron levadas a comisión, onde o grupo de goberno sacou adiante a votación a pesar de que o PP decidiu absterse.

A modificación irá agora á Xunta de Goberno Local para a súa aprobación definitiva.

De xeito que as bonificacións xa non só cubrirán aos irmáns da persoa menor participante, se non que para a súa aplicación computarán todos os membros da unidade familiar.

Ademais, aquelas persoas que se atopen nunha situación de vulnerabilidade temporal poderán acoller ás exencións das taxas.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que se o Concello se atopa agora mesmo en condicións de afrontar esta ampliación das bonificacións e "grazas á boa saúde económica na que se atopan as arcas municipais".

"Os informes de liquidación, que realizan as funcionarias municipais, son claros e contundentes: o goberno de Soutomaior mellorou en 2024 todos os indicadores económicos do Concello, o que nos permite investir máis ca nunca na veciñanza do noso concello e ter uns orzamentos, os de 2025, que non deixan a ninguén atrás", concluíu Manu Lourenzo.