Soutomaior adianta o desfile de entroido ao sábado 3 de febreiro

Soutomaior
11 de xaneiro 2024

O Concello decidiu adiantar a celebración para non coincidir coas eleccións galegas, previstas para o domingo 18 de febreiro

Rafa Quintía co alcalde de Soutomaior, Manu Lorenzo
Rafa Quintía co alcalde de Soutomaior, Manu Lorenzo / Concello de Soutomaior

O entroido chegará cargado de novidades este ano a Soutomaior, empezando pola data escollida para o tradicional desfile de comparsas.

Para non coincidir coas eleccións galegas, previstas para o domingo 18 de febreiro, o Concello decidiu adiantar o desfile ao sábado 3 de febreiro.

Entre as novidades para o desfile destaca este ano ademais, segundo avanza o goberno local, que xunto aos premios de participación habilitarán premios do xurado e haberá unha gran festa posterior en Tallo Río.

Doutra banda o Concello sinalou que promocionará a denominación 'Entruido Soutomaior', en referencia a unha variedade dialectal utlizada tradicionalmente no municipio e que foi catalogada nas investigacións sobre o entroido local realizadas polo antropólogo Rafa Quintía.

Toda a información sobre o Entruido Soutomaior, co resto de actividades previstas, será dada a coñecer aos veciños nunha reunión informativa convocada o vindeiro luns 15 de xaneiro ás 19.00 na Casa da Cultura.

Arquivado en