SOS Sanidade Pública O Salnés convoca unha manifestación comarcal en outubro polas rúas de Vilagarcía

O Salnés
07 de setembro 2022

A plataforma convoca unha gran manifestación para o venres 14 de outubro e avalía moi positivamente o inicio de recollida de sinaturas en favor da tramitación da iniciativa lexislativa popular, con arredor 4.000 sinaturas nas tres primeiras saídas. Intensificarán a actividade neste mes de setembro

Concentración de SOS Sanidade Pública
Concentración de SOS Sanidade Pública / Diego Torrado - Arquivo

A coordinadora comarcal do Salnés de SOS Sanidade Pública decidiu no seu último encontro organizar unha manifestación o venres 14 de outubro a partir das 20.00 horas en Vilagarcía de Arousa. 

O motivo desta nova protesta atópase na situación que Atención Primaria sufriu durante este verán. A marcha iniciarase na Casa do Mar e finalizará na Praza de Galicia. A plataforma intensificará a actividade durante as próximas semanas co fin de informar e animar á veciñanza para participar na manifestación e continuar coa recollida de firmas da iniciativa lexislativa popular (ILP).

Desde a plataforma sinalan que a situación de Atención Primaria nas Ría de Arousa e no Salnés é "absolutamente inaceptable", debido á situación de peches de centros de saúde e de Puntos de Atención Continuada e a prioridade que o Sergas dá ás consultas telefónicas. A isto súmanse as listas de espera e os equipos de persoal sanitario reducido a menos da metade, segundo expoñen.

A situación agravouse, denuncian, durante o verán debido ao incremento da poboación turística. Con este panorama, José Manuel Ribadomar, portavoz da plataforma, espera que a resposta cidadá sexa "contundente" a través desta marcha.

Tamén considera moi positiva a recollida de firmas a favor da ILP, ao recoller 4.000 nas tres primeiras saídas. Está previsto que intensifiquen a súa actividade durante este mes de setembro.

Entre as reivindicacións de SOS Sanidade Pública atópase a apertura de todos os centros, PAC e consultas pechados; o fin das listas de espera e a prioridade de consultas presenciais; a normalización dos persoais coa incorporación de novos profesionais e persoal administrativo nos centros de saúde; dotación dun orzamento extraordinario para a xerencia da área para afrontar estas medidas; e a posta en marcha dunha negociación coas organizacións sociais e administracións locais para planificar todas as reivindicacións.